O BNG pide á Deputación e á Xunta máis compromisos económicos para garantir a atención ás vítimas da violencia machista

O BNG pide á Deputación e á Xunta máis compromisos económicos para garantir a atención ás vítimas da violencia machista

Pontevedra, 12 de novembro de 2024. O BNG vai solicitar á Deputación e á Xunta máis compromisos económicos para garantir a atención ás vítimas da violencia machista. Con motivo do 25N o grupo nacionalista vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que critica a drástica redución dos fondos nos últimos orzamentos do goberno provincial do PP, pois o departamento de Igualdade pasará do 1,17% do orzamento a ter apenas o 0,8% no vindeiro exercicio de 2025. Ademais de pedir que se incrementen as partidas provinciais, o grupo instará tamén á Xunta de Galiza a aprobar un plan de reforzo para prestar e mellorar a asistencia psicolóxica ás vítimas como un servizo de Atención Primaria, a incrementar os fondos para reforzar e ampliar a rede galega de CIM, así como a rectificar a decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención a mulleres vítimas de violencia sexual.

O BNG destaca que a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde manifestada en propostas concretas. Lembra que no que vai de 2024 producíronse catro feminicidios (os dous máis recentes na provincia de Pontevedra: Estela Blach en Baiona, e Fadoua Akkar en Moaña), e que  no último ano subiu un 12% a violencia contra as mulleres segundo os datos da Memoria da Fiscalía: no mes de setembro o sistema Viogén contabiliza 15.126 vítimas e 1.733 casos activos na provincia. 

Manifestan as deputadas do Bloque a súa preocupación porque as cifras se asumen cada vez máis como parte do día a día, normalizándose no lugar de escandalizar: “A isto contribúen os discursos negacionistas e banalizadores, mais tamén aqueles que procuran situar a violencia machista como algo individual ou inevitable, cando existe unha responsabilidade colectiva, institucional e social, a de protexer os dereitos humanos e a vida das mulleres. É preciso, polo tanto, avaliar que podemos facer para evitar o avance da violencia machista e dos feminicidios, non só valen minutos de silencio e lazos lila na solapa”.

No caso da Deputación de Pontevedra, o BNG denuncia que o actual goberno do Partido Popular está a laminar o traballo de mandatos previos en materia de Igualdade, reducindo progresivamente o orzamento da área pasando do 1,17% do total no 2023 a apenas o 0,80% no 2025, mantendo un perfil baixo ou sostendo posicionamentos mornos. Fronte a isto, defenden, cómpre revisar posturas e recuperar financiamento para poñer a Igualdade na axenda e traballar de maneira transversal en todas as áreas de goberno.

Engade o grupo provincial que, no ámbito galego, Galiza conta cunha lei propia pioneira, sen embargo dende o BNG considérase que hai aspectos que non se cumpren. Por iso, pretenden que o Pleno da Corporación inste á Xunta de Galiza a prestar máis atención á saúde mental das vítimas na sanidade pública como un servizo de atención primaria en coordinación coa atención especializada.

Por outra parte, solicitan ao goberno galego o impulso dun  un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución aos Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM, establecendo a fixación de rateos mínimas de persoal, e favorecendo a contratación a xornadas completas.

Finalmente, o BNG pide á Xunta que rectifique a súa decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e garantir a prestación deste servizo desde o sistema público de saúde.

O BNG pide á Deputación e á Xunta máis compromisos económicos para garantir a atención ás vítimas da violencia machista