Caldas recuperará a pista multideportes da Tafona grazas a unha renovación integral

A tafona
A tafona
Caldas recuperará a pista multideportes da Tafona grazas a unha renovación integral

Caldas, 12 de novembro de 2024. O Concello de Caldas vai recuperar a pista multideportes da Tafona para que volva ser utilizada pola veciñanza. A obra, que suporá unha reforma integral, inclúese no Plan de Mellora dos Espazos Deportivos caldenses no que está a traballar a concellería de Deportes dirixida polo Tenente de Alcalde Manuel Fariña para “aproveitar e revitalizar” as instalacións municipais. 

Segundo explica o responsable municipal, a recuperación do espazo deportivo da Tafona vai supoñer a volta dos elementos (valados, canastras, porterías e outros equipamentos) que levan retirados varios anos, xa ben por estar rotos, oxidados ou estragados, e non ser seguros para a práctica deportiva. A intención é levantar unha nova pista moderna e con materiais antivandálicos que precisan moi baixo mantemento e garanten unha maior durabilidade. 

O novo espazo de xogo será polivalente, podendo combinar a práctica de diferentes deportes nunha mesma cancha: baloncesto, ‘fubito’, balonmán, ou voleibol, entre outros... xa que disporá de novas porterías e canastras con aros ríxidos, así como diferentes postes e unha rede central móbil e de altura regulable. 

A pista terá unhas dimensións e 20x10 metros e aproveitará a superficie da soleira de formigón existente (de 24,5x12 metros), sendo reparados, tapados e selados todos os orificios, buratos, ou calquera irregularidade, defecto ou dano cun saneamento de resina epoxídica para despois imprimir varias capas semielásticas de resinas acrílicas ademais do morteiro final. 

A renovada cancha polideportiva terá un peche perimetral dun metro de altura aberto polos fondos tras as porterías, por onde se entrará na área de xogo. No interior marcaranse as canchas de fútbol sala, minibasket e voleibol con diferentes liñas e, co fin de garantir a seguridade das persoas usuarias, protexerase toda a parafusería con tapóns de plástico e porquetas cegas. 

Fariña afirma que con esta reforma integral vaise dar por fin unha grande utilidade ao espazo, optimizando o uso deportivo “seguindo a liña de traballo de facer as instalacións funcionais e dar facilidades ás veciñas e aos veciños para sacar o maior proveito posible dos espazos públicos”. Engade o nacionalista que o obxectivo do goberno local é ampliar e mellorar a dispoñibilidade de instalacións no concello: “Sabemos que estas instalacións son moi demandadas e van ter un efecto chamada. A Tafona xa é un punto de referencia e agora ímoslle devolver un espazo deportivo que atraerá moita rapazada e impulsará a práctica deportiva na rúa. Rexenerar as pistas era unha obriga”. 

A actuación para recuperar a pista multideporte da Tafona ten un orzamento que ascende a case 35.000 euros. O concelleiro de Deportes explica que o goberno local vén de sacar a contratación os traballos e prevese que estean adxudicados a finais de mes, tras a presentación e valoración de ofertas. A idea é que a principios do ano próximo comecen as obras de instalación (que teñen un prazo máximo de execución de mes e medio dende o replantexamento dos traballos), para que a pista poida estar funcionando antes da primavera. 

Caldas recuperará a pista multideportes da Tafona grazas a unha renovación integral