ESIXE A COBERTURA DA PRAZA DE DIRECCIÓN DO CIM E SUPLIR A BAIXA DUNHA TRABALLADORA SOCIAL
O BNG propón o reforzamento dos servizos sociais de Valga
Valga, 13 de novembro de 2024. A dirección e coordinación do Centro de Información á Muller (CIM), o posto dunha traballadora social ou a cobertura da praza de educadora familiar, son algunhas das vacantes que existen na área de servizos sociais e que o goberno municipal se nega a cubrir.
O CIM presta servizo en horario de tarde nas instalacións do Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI), contando cun servizo de asistencia psicolóxica, contratado á empresa Arabías por un importe de 14.297 euros anuais, e un servizo asistencia xurídico contratado a Ángela Fernández Mosquera por un importe de 12.584 euros anuais. Sen embargo, desde que a última directora e coordinadora do CIM deixou o seu traballo, este posto non se cubriu, polo que actualmente se está a prestar un servizo moi en precario na atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade e vítimas da violencia machista. A precariedade é tal que as chamadas realizadas ao teléfono do centro non son respondidas directamente por persoal cualificado pertencente ao CIM, non respectando deste xeito a imprescindible confidencialidade, o anonimato e a privacidade das persoas usuarias.
No referente aos servizos sociais municipais, non se está cubrindo a baixa da traballadora social responsable de atender ás veciñas e veciños das parroquias de Setecoros, Valga e Xanza. Isto supón unha falta de atención importante, principalmente para as persoas maiores solicitantes do Servizo de Axuda no Fogar, e por extensión as súas familias que quedan desentendidas. Coa falta de persoal actual estanse a producir atrasos e acumulación de traballo excesivo para os traballadores municipais. Os BNG de Valga leva xa tempo recibindo queixas de veciños e veciñas que se ven totalmente desamparados ao non saber cando nin quen os vai atender, recibindo respostas confusas en moitos casos, nos que se lles dixo literalmente que a traballadora social non estaba por motivos persoais e non foron derivados a ningunha outra, quedando en nunha listaxe de agarda que non parece avanzar a xulgar polas semanas de espera que acumulan para simplemente ser recibidos de xeito presencial. A única maneira coa que os veciños poden combater esta situación é presentando reclamacións que semellan non ter resultados, xa que o servizo non está aínda restablecido e non recibiron ningún tipo de resposta nin explicación dos motivos.
Malia que nalgún momento o Concello de Valga si contou cunha educadora familiar, desde fai tres anos non se está prestando este servizo, que sen embargo, si é demando por moitas familias. Ofrecería un asesoramento e apoio ás familias que teñen algún tipo de dificultade no desempeño das súas funcións familiares (atención, coidado e/ou educación dos menores, organización do núcleo de convivencia...) ou en calquera outro aspecto que dificulte o desenvolvemento axeitado dos membros e a vida familiar e social. Desde o BNG de Valga solicitaremos a contratación dunha educadora familiar por ser esta unha figura que axuda ás persoas vulnerables ou en risco a mellorar a súa situación, facilitando o benestar social grazas ao seu apoio emocional, recursos prácticos e acción socioeducativa.
Outra das consecuencias que se derivan da falta de cobertura dos postos de traballo enumerados anteriormente é que moitos dos gastos son subvencionados pola Xunta e o goberno do Estado, polo que o Concello de Valga veríase obrigado a devolver os importes económicos recibidos.
Ademais das vacantes existentes en servizos sociais e enumeradas anteriormente, os postos de axente de desenvolvemento local e educación para adultos tampouco están sendo cubertos, malia a baixa prolongada dos seus titulares. Esta inacción para proceder á cobertura de postos vacantes, son unha mostra da falta de compromiso por parte do goberno municipal do Partido Popular cara as necesidades básicas da veciñanza e que agravan problemas sociais que requiren intervención urxente e profesional.