O goberno municipal de Pontevedra non asiste aos actos da Deputación ante a discriminación económica que sofre a cidade

Pazo da Deputación
Pazo da Deputación
O goberno municipal de Pontevedra non asiste aos actos da Deputación ante a discriminación económica que sofre a cidade

Pontevedra, 14 de xullo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comunicou que o Goberno Local non asistirá aos actos de celebración do terceiro ano do actual mandato da Deputación de Pontevedra, que tiveron lugar este martes. Esta decisión tomouse como medida de protesta pública ante a "falta de equidade" e a "actitude discriminatoria" que a institución provincial está a ter coa capital da provincia. 

O rexedor explicou que, após tres anos do actual mandato, a Deputación cambiou o estatus respecto á cidade, deixando de tratala de forma equitativa. Segundo detallou Fernández Lores, existen actualmente 10 concellos na provincia que reciben máis fondos en termos absolutos ca Pontevedra. "Podémolo entender no caso de Vigo, que ten unha poboación que máis que triplica a da cidade de Pontevedra, pero resulta que Pontevedra é o concello que proporcionalmente menos cartos recibe da Deputación de toda a provincia", denunciou o alcalde. 

Lores lembrou que Pontevedra non só é a capital da provincia, senón a propia sede da Deputación, coa que o Concello sempre mantivo "unha relación de máxima colaboración e tamén de lealdade institucional" gobernase quen gobernase. Como mostra desta disposición, Lores destacou as continuas cesións de espazos públicos, edificios para mellorar a xestión administrativa, o Pazo da Cultura, e mesmo a cesión do convento de Santa Clara, un esforzo que, lamenta, "non está tendo contrapartidas”. 

"Non asistimos oficialmente a eses fastos e eventos con que a Deputación quere celebrar este terceiro ano de mandato porque nós non temos nada que celebrar", afirmou o alcalde de maneira contundente. Fernández Lores quixo deixar claro que esta ausencia non se basea en ningunha escusa banal, senón que se trata dunha necesidade de visibilizar unha situación inxusta: "É un problema xa de dignidade como alcalde de Pontevedra. Non podemos seguir tolerando que a Deputación esqueza que está na nosa cidade, que ten a máxima colaboración do concello e que nos está discriminando desde o punto de vista económico”. 

A pesar deste chamamento de atención público, o rexedor municipal aclarou que non busca un enfrontamento persoal e asegurou que o Concello seguirá a manter a colaboración coa Deputación en todas aquelas cuestións que sexan importantes para os intereses da cidadanía de Pontevedra. O obxectivo desta postura, que xa foi trasladada reiteradamente en privado ao presidente da institución sen éxito, é transmitir á sociedade pontevedresa a realidade desta falta de trato equitativo coa esperanza de que a Deputación cambie a súa actitude. 

O goberno municipal de Pontevedra non asiste aos actos da Deputación ante a discriminación económica que sofre a cidade