Éxito de participación na iniciativa de ADEGA "Mollate polos ríos" en Soutomaior
Soutomaior, 30 de setembro de 2024. A XVIII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” que neste 29 de setembro se celebrou en 56 concellos de toda Galiza, e no que participaron máis de 70 entidades chegou tamén a Soutomaior. Unha cita na que participou o Concelleiro de Medio Ambiente, Pablo Garrido, e a concelleira de Medio Rural e Comunidades, Charo Bouzón, que tivo como obxectivo deixar estas zonas libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
A concienciación medioambiental, foi un dos piares principais desta convocatoria, onde tamén se incidiu na importancia dos ecosistemas fluviais e da correcta xestión dos residuos.
Unha actividade, coordinada por Adega e organizada polo concello de Soutomaior, na que participaron máis de 50 veciñas e veciños e que consistiu na retirada de lixo ao longo de toda a mañá, así como na eliminación da flora invasora, dun treito da ribeira do río Verdugo e Daión, e debido ao éxito da convocatoria, un grupo de persoas tamén se achegou ata a zona do Refuxio de Pescadores. Os/as voluntarios/as foron agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza.
Voluntariado Ambiental
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.