A Lérez Up volve superar as súas marcas e reúne a máis de 5.000 persoas no Recinto Feiral na súa terceira edición
Pontevedra, 30 de setembro de 2024. O Recinto Feiral de Pontevedra converteuse a pasada fin de semana no epicentro galego da cultura friqui grazas á Lérez Up. O evento, organizado pola asociación local Gaming Troop e promovido polo Concello de Pontevedra, sitúase como unha referencia no seu campo e supera todas as súas marcas nesta terceira edición, superando as 5.000 visitantes ao longo das dúas xornadas nas que tivo as portas abertas.
Anabel Gulías: O Concello de Pontevedra seguirá apoiando eventos que promoven a cultura, a socialización e a diversidade
A edil de Novas tecnoloxías, Anabel Gulías, encomiou o traballo de todas as persoas que fan posíbel unha cita que volve poñer sobre a mesa esa idea da referencialidade pontevedresa á hora de sacar adiante proxectos de enorme interese e proxección. O Recinto Feiral foi un auténtico fervedoiro entre o venres e o sábado para persoas de distintas idades e gustos, desde os videoxogos á cultura xaponesa, pasando polo K-Pop, o cosplay, a ilustración ou os xogos de mesa.
Gulías pon xa o foco na vindeira edición, logo da clara consolidación e rápido crecemento que esta cita foi quen de realizar, lembrando que o Concello seguirá apoiando eventos que promoven a cultura, a socialización e a diversidade.