O BNG insta ao goberno local de Poio a que continúe os traballos de rehabilitación do centro histórico de Combarro
Poio, 30 de setembro de 2024. O BNG, a través da súa portavoz Marga Caldas pide ao goberno municipal que se “continúen as tarefas encamiñadas a embelecer e mellorar a estética da emblemática contorna de Combarro”, e a reforzar o respecto polos inmobles, edificacións e elementos arquitectónicos existentes nesta zona.
A Portavoz nacionalista lembra que estas tarefas comezaron co anterior goberno municipal, baixo a súa propia responsabilidade, e que, a través dos fondos tramitados dende o Programa de Rehabilitación Integral ( ARI), procedeuse á retirada do plástico das baixantes, así como do cabreado e a substitución de diferentes luminarias por puntos led.
O BNG lamenta que o goberno do Partido Popular non realizase nin unha soa actuación de rehabilitación e recuperación no centro histórico de Combarro dende a súa entrada no goberno
Estas correccións en favor da contorna leváronse a cabo seguindo as directrices dun estudo previo, e grazas a esa xestión Combarro conta hoxe coa “Declaración de Contorno Residencial de Rehabilitación Programa de Combarro”, o que lle vai permitir ao goberno municipal acceder a axudas de máis de 300.000 euros que deben inverterse na rehabilitación.
Marga Caldas salienta que "o Casco Histórico de Combarro é un dos grandes emblemas do Concello, e debemos seguir traballando na súa posta en valor e recuperación e protección, tendo en conta sempre as necesidades das persoas que residen nel, da veciñanza de Combarro”, e fai un chamamento ao alcalde do PP a que “abandone a súa deixadez con Combarro e continúe cos traballos de rehabilitación e mellora dun espazo tan importante para a veciñanza de Combarro e do conxunto de Poio”.