O BNG acusa a Cubela de castigar aos veciños e veciñas ao avalar a suba escandalosa da taxa do lixo imposta por SOGAMA
O BNG de Cerdedo-Cotobade levou ao pleno municipal de setembro unha moción contraria á decisión unilateral de SOGAMA de subir de forma desproporcionada a taxa do lixo a concellos e veciñanza, que foi rexeitada cos votos do alcalde e do PP, polo que a partir do ano que vén a veciñanza sufrirá no seu peto a suba abusiva decretada por SOGAMA.
O portavoz municipal do BNG lembrou que xa o pasado 23 de xullo, Sogama aplicou unha subida que levou o canon dos 68,05 euros a 88,05 euros por tonelada, incremento que foi duramente criticado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que aprobou unha resolución, a instancias do BNG, rexeitando esta medida cualificada como “escandalosa e desproporcionada”.
A nova proposta de incremento do canon, a partir do vindeiro ano, será de 108 euros tonelada que supón unha suba de máis do 60% respecto dos 68,05 euros que estaban en vigor ata xuño deste ano.
Ernesto Filgueira critica esta suba desmedida para un modelo de tratamento centralizado, obsoleto, caro e antiecolóxico, no que máis do 80% dos residuos van para incinerar ou para un macrovertedoiro, que son os métodos que penaliza a Directiva europea de residuos.
“O fracaso do modelo SOGAMA é evidente, estando á cola do Estado en reciclaxe e moi lonxe das porcentaxes que marca a Unión Europea. Úrxenos, pois, cambiar ese modelo por outro que aposte pola compostaxe, a reciclaxe e a reutilización”, afirmou Filgueira.
“É triste, señor Cubela, que obvie esta realidade e perda a súa dignidade pola súa obediencia cega aos dictados do seu partido, que o leva a ir directamente en contra dos seus veciños e veciñas”, concluíu o portavoz nacionalista.