A Escola Feminista da Mocidade iniciou o curso de igualdade e prevención das violencias machistas
Pontevedra, 19 de febreiro de 2024. A Escola Feminista é un espazo activo de formación, encontro e reflexión colectiva con perspectiva feminista dirixida preferentemente á mocidade de 15 a 35 anos, mais tamén a outros grupos de idade. Unha aposta clara e directa do Concello de Pontevedra á hora de facer fincapé na igualdade e na posta en valor da mesma entre a mocidade, ademais de formar na prevención de violencias machistas.
Esta semana, o programa municipal promovido desde a área de Xuventude iniciou o curso de igualdade e prevención das violencias machistas, que contempla unha formación teórico-práctica sobre igualdade, os feminismos e a prevención nas diferentes tipoloxías desta violencia.
A actividade é impartida por Iria Vázquez Silva, profesora de Socioloxía da UVigo e experta en xénero, e ten todas as prazas xa reservadas.
O reclamo e interese por este tipo de actividades é un éxito que se pode comprobar de xeito doado, ao ver como outras actividades do programa ven tamén cubertas as súas prazas sesión tras sesión. É o caso do curso de historia dos movementos feministas, que se celebrará o 12, 19 e 26 de marzo, e analizará a Cuarta Ola do movemento feminista, os movementos feministas ata a actualidade e os ecofeminismos e feminismos interseccionais e poscoloniais.