A embaixadora de España nos EE.UU. amosa interese polo modelo urbano de Pontevedra e polo recoñecemento internacional acadado

Lores coa embaixadora española en EEUU
Lores coa embaixadora española en EEUU
A embaixadora de España nos EE.UU. amosa interese polo modelo urbano de Pontevedra e polo recoñecemento internacional acadado

Washington, 10 de marzo de 2026. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, está xa na capital dos Estados Unidos, Washington D.C. co obxectivo de participar no foro internacional de mobilidade ‘Transforming Transportation’, e que se celebrará na sede que o Banco Mundial ten nesta cidade. 

Previo ao congreso, Fernández Lores xa puido realizar algúns achegamentos sobre Pontevedra e o seu modelo a través dunha recepción promovida pola embaixada española na súa sede principal. Este encontro contou coa presencia de empresas e expertos do Estado español, que durante as horas previas participaron nunha xornada de traballo baixo o título ‘España Adelante Verde Transformando Transporte 2026’, que contaba co apoio e organización do ICEX. 

Lores coa embaixadora española en EEUU
Lores coa embaixadora española en EEUU

Posteriormente, o alcalde foi recibido pola embaixadora do Estado español nos Estados Unidos, Ángeles Moreno Bau, que amosou interese polo traballo de promoción e recoñecemento internacional que Pontevedra vén realizando ao longo destes anos, sendo unha mostra máis o convite do Banco Mundial para a palestra do día de mañá. 

Lores achegoulle as principais ideas do modelo urbano pontevedrés á embaixadora, compartindo algúns dos logros e fitos que a cidade do Lérez conta, coma a ausencia de mortos por violencia viaria no núcleo urbano nos últimos quince anos. 

“Falamos de que Pontevedra é un referente internacional á hora de falar de cidades pensadas para as persoas”, indicou o rexedor, que agradeceu a amabilidade amosada durante a reunión con Moreno, máxima autoridade do Estado español no país norteamericano. 

Primeiros encontros na sede do Banco Mundial 

Amais da reunión institucional coa embaixadora, o rexedor tamén visitou a sede do Banco Mundial en Washington, onde puido tecer as primeiras conversas coas persoas participantes do congreso Transforming Transportation’, como é o caso de Claudia Adriozola, que será a moderadora na sesión de mañá, na que Pontevedra estará representada. 

Cómpre lembrar que a intervención do rexedor pontevedrés terá lugar este mércores 11 de marzo, entre as 15:50 e as 17:20 horas. Lores será o relator principal da sesión titulada “Mobilidade activa: camiños cara ao emprego e a prosperidade”. Trátase dun panel no se quere debater sobre como a creación de espazos seguros para peóns e ciclistas actúa como un verdadeiro catalizador á hora de crear emprego, desenvolvemento económico e dinamismo comercial. 

 

A embaixadora de España nos EE.UU. amosa interese polo modelo urbano de Pontevedra e polo recoñecemento internacional acadado