O Salón homenaxea ao desaparecido Carlos Taboada ‘Charli’, inaugurando a Biblioteca de Pedrarcana
Pontevedra, 10 de marzo de 2026. O Salón acolleu unha emotiva homenaxe ao escritor e ilustrador Carlos Taboada, ‘Charli’, amigo e colaborador do Salón durante moitos anos como parte de Polo Correo do Vento pero tamén como pai de Artai.
O acto botou a andar con Marcelo Dobode en Antón KE, parte de Colectivo Xurelo cantando a canción Polo Correo do Vento: “Viaxando polo correo do vento, vou voando, debuxando e aprendendo”.
A primeira intervención foi da man do edil de Cultura Demetrio Gómez que tivo unha lembranza para “todas as persoas que fixeron e fan posible o Salón e depositan nel a súa ilusión e enerxía. Alguna delas, por desgraza, xa non están con nós. Lembramos a Mercedes Vázquez, a María Paz, a Marcos López, ao Hematocrítico... e, por suposto, a Carlos Taboada, Charli”. O edil lembrou os comezos e o percorrido da agrupación no Salón e tamén a vinculación de Carlos como pai: “Charli estivo con nós, se non me falla a memoria, desde o Salón 12+1, canda Kike Mauricio, traendo contos, debuxos e cantos polo correo do vento. Cada ano, el e Kike (e logo tamén Anton e Marcelo) espremían o maxín para facer novas historias adaptándose ao tema e ao noso país convidado. E a rapazada e mais nós gozábamos cada sesión de contos coma se fose a primeira. Pero Charli non só viña aquí a contar contos, tamén viña a lelos con Artai, cantas horas non terán pasado nestes coxíns esculcando as historias que os fixesen soñar xuntos, e con Joana para asistir a contacontos, concertos ou, simplemente, perderse nos mundos máxicos de cada recanto do salón”
“Fixosenos moi difícil pensar en facer un novo Salón sen el, por iso decidimos dedicarlle o espazo máis querido do Salón, e poñerlle o nome da súa obra A BIBLIOTECA DE PEDRARCANA, un canto de amor ao libro e á lectura. Comprometido, agarimoso, xeneroso. Así lembramos nós a Charli e así quedará súa imaxe, imborrable, neste salón para sempre.”, rematou.
A muller de Carlos, Joana, salientou a importancia dos libros na vida de Carlos “Carlos fixo dos libros a súa vida. Para el eran casa, eran refuxio, eran xogo. Tiña unha profunda confianza na cultura feita con cariño, na creatividade compartida e na infancia como o lugar onde todo comeza. O libro Pedracarna, que lle dá nome a esta biblioteca —igual que O Caderno de Roque na súa dedicatoria— di: “á miña familia, por encherme a vida de libros”.
Sobre a súa relación co Salón apuntou que “este Salón do Libro foi durante moitos anos a súa casa. Aquí non só traballaba: aquí soñaba. Nos contacontos, mentres Kike poñía voz á historia e a música enchía o aire, el collía un lapis e, paso a paso, ensinaba ás nenas e aos nenos que un personaxe podía nacer das súas propias mans. Que debuxar non era saber, senón atreverse. Que crear estaba ao alcance de todos.
Aquí tamén traía, desde ben pequeno, ao seu fillo Artai. Entre libros, ilustracións e escenarios improvisados medrou. Este lugar forma parte da nosa historia, da súa infancia, da nosa vida. Poñer o seu nome a esta biblioteca non é só unha homenaxe. É tamén unha maneira de dicir que segue aquí: en cada páxina que se abra, en cada neno ou nena que descubra unha historia por primeira vez, en cada ilustración que esperte unha pregunta.
O evento continuou con sentidas palabras de parte do monitorado e persoal do Salón. MJ foi a encargada de ler o discurso de Tati, de producción, ausente polo coidado do seu fillo, tamén Artai, que salientaba esa anéctota no seu discurso: “Charli era, ademais, o meu amigo do Salón co que compartía un gusto exquisito para elección dos nomes dos fillos. Por ese motivo, por estar hoxe co meu Artai, non podo estar hoxe co seu Artai, nin con Joana, nin cos seus amigos, sexan os de toda a vida ou os do Salón pero non quería deixar a ocasión de poder darlle as grazas, no meu nome e no de todas as persoas que facemos posible o Salón do Libro ”. Pablo foi o portavoz do monitorado , que destacou a capacidade de Charli para “lograr que os demais descubran o que son quen de facer. Charli ensinaba que cunhas poucas liñas podes crear un mundo. Hoxe ese mundo queda nas persoas ás que inspirou. Ese mundo queda en todas nós. Moitísimas grazas, Charli”
Pechou o acto Kike Mauricio, lembrando anécdotas con Carlos no Salón e o cariño que lle tiña a este evento. “Sempre remarcaba a sorte que tiñamos de ter un evento así na nosa cidade , que nós damos por sentado porque leva moitos anos, pero noutras cidades non existe. Mirade se era importante o Salón para Charli que a súa foto de whatsapp é aquí, lendo con Artai , baixo a frase Aquí lese!. Estaría moi feliz vendo este espazo, co nome do seu libro A biblioteca de Pedrarcana”.
Mentres Antón Ke interpretaba a canción que compuxo para o seu amigo e compañeiro “A cidade xa non é tan xogable de si. Os seus muros botan bágoas cheas de cores. E que o conto xa non ten un final feliz, fáltalle a arte e a maxia que tiñas ti”, Orbil fixo entrega á compañeira de Carlos a parella do cadro que adorna a biblioteca, ambos pintados ao vivo por Taboada na clausura do Salón 2016 ‘Canta bichería!’.