O Concello de pontevedra autoriza a demolición dunha vivenda en ruínas que permitirá desbloquear a urbanización da contorna de Fernando II e Alfonso X o Sabio

Alberto Oubiña
Alberto Oubiña
O Concello de pontevedra autoriza a demolición dunha vivenda en ruínas que permitirá desbloquear a urbanización da contorna de Fernando II e Alfonso X o Sabio

Pontevedra, 10 de marzo de 2026. O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, informou da concesión dunha licenza para a demolición dunha vivenda unifamiliar en estado de abandono situada no entronque da rúa Alfonso X o Sabio coa futura continuación de Fernando II. Esta actuación, sumada a un novo criterio interpretativo aprobado recentemente pola Comisión de Urbanismo, permitirá completar o desenvolvemento urbanístico deste ámbito. 

A edificación afectada presentaba un "risco estrutural importante e tamén unha falta de condicións mínimas de habitabilidade e salubridade", explicou Oubiña. Tras varios requirimentos desatendidos e unha orde de execución ditada no ano 2020, a propiedade, que solicitou a licenza o pasado 20 de xuño de 2025, procederá agora a realizar unha demolición controlada. Os traballos, que contan cun orzamento de 21.500 euros, incluirán a limpeza completa da parcela e a retirada de materiais con amianto. 

Ata o de agora, os propietarios de inmobles nesta localización atopábanse cun problema que paralizaba calquera edificabilidade. "No momento inicial non se podía construír: se derrubaban, quedaba derrubado e non podían facer nada", explicou Alberto Oubiña. 

Con todo, a raíz de dúas consultas urbanísticas solicitadas para esta zona, a Comisión de Urbanismo aprobou o pasado 4 de novembro de 2025 un novo criterio interpretativo para desbloquear a situación destas parcelas. "Desde a aprobación deste criterio interpretativo, o derrubamento, vailles abrir a posibilidade de construír aí", explicou o concelleiro de Urbanismo. Grazas a isto, permítese a construción de novos edificios a ambos lados da vía, que poderán contar con planta baixa comercial, catro alturas e aproveitamento baixo cuberta. 

Por outro lado, a conexión completa da rúa Fernando II non será posible polo de agora. Será cando se acometa a demolción dun establecemento comercial (Cash Galicia) que interrompe o trazado; mentres, este novo criterio permite xa urbanizar o tramo que falta cara a Alfonso X o Sabio. 

O Concello de pontevedra autoriza a demolición dunha vivenda en ruínas que permitirá desbloquear a urbanización da contorna de Fernando II e Alfonso X o Sabio