Caldas celebrará a súa ‘Festa da Primavera’ os días centrais da Semana Santa
Caldas, 10 de marzo de 2026. Caldas de Reis vai celebrar a súa Festa da Primavera nos días centrais da Semana Santa: o xoves 2, o venres 3 e o sábado 4 de abril. Así o anunciou hoxe o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen asegura que, ao aproveitar o tirón das vacacións e ofrecer unha programación de grande calidade, o evento promete ser o máis grande e espectacular até a data.
Segundo Fariña, esta edición pretende superar todas as expectativas. Subliña que o evento pode ofrecer un equilibrio atractivo entre as festividades relixiosas e a celebración da primavera con música e o ambiente festivo das orquestras, sabendo ademais que, ao haber moitas persoas de vacacións, o número de asistentes pode multiplicarse.
O nacionalista destaca que a Festa da Primavera, unha cita xa coñecida e de renove no circuíto das orquestras galegas, pode facer que Caldas sexa destino para moitas persoas que deciden as moitas das súas viaxes e percorren a xeografía galega para acudir ás mellores verbenas. “Facilitámoslle á xente a posibilidade de que, tendo días libres, veñan á nosa vila e queden as tres xornadas da festa para gozar do bo ambiente festivo que imos crear, movendo a economía local en aloxamentos, gastronomía e actividades”, subliña.
En canto á programación, Fariña destaca que o Concello vai facer público o cartel co elenco de artistas, orquestras e DJ nos vindeiros días. Coma até o de agora, o primeiro día a xornada estará centrada na música electrónica con diferentes DJ e os dous seguintes haberá actuacións de coñecidas orquestras. Subliña que durante os últimos meses se negociaron e pecharon as participacións dos grupos, habendo estreas de espectáculos que serán totalmente de balde para a veciñanza.
A organización está tamén a preparar un despregamento sen igual para garantir que todas e todos os asistentes poidan gozar dun evento seguro e organizado, co correspondente Plan de Autoprotección. Fariña destaca que se están a establecer coordinacións cos corpos de Policía Local e Protección Civil, entre outros.
Un dos obxectivos principais da Festa da Primavera, insiste Fariña, é revitalizar a economía local. “Caldas vai volver ser un fervedoiro de xente, vai botar por fóra coma nunca”, advirte.