A construción do parque da Parda avanza en tempo e forma
Pontevedra, 21 de maio de 2025. Ao carón da estación do tren comeza a tomar forma o que será o futuro parque urbano máis grande da cidade. O parque da Parda é un proxecto con nome de seu, cun investimento que supera os cinco millóns de euros e que, en principio, conta cun prazo de execución de 28 meses, se ben, tal e como sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, é posíbel que a cidade poida gozar deste novo espazo verde un chisco antes.
Acompañado do concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, o rexedor da cidade realizou este mércores, 21 de maio, unha visita ás obras que se están a realizar nestes intres. Case catro meses despois do inicio das actuacións, o lugar mudou en grande medida, o que permite comprobar que a obra "avanza en tempo e forma", tal e como indicou Fernández Lores.
"Pode parecer que non hai moitas cousas feitas, pero si se foron dando pasos indispensábeis, como a extracción de materiais que había que quitar, ou desentullar", explicou. "Polo de agora, xa podemos observar como se está creando unha plataforma a 23,50 metros sobre o nivel do mar, que se elevará algo máis, e que servirá de base para todo o terreo posterior".
As empresas pontevedresas Construcciones Ramírez e Covsa son as encargadas de levar a bo porto este proxecto, nunha parcela de case 35 mil metros cadrados e que terá acceso desde a Cidade da Xustiza e a rúa Entrevías con Otero Pedrayo.
"Vaise poñer moitísimo arborado: arbustos e árbores de porte, e tamén varios miradoiros", lembrou o rexedor. "Un dos obxectivos desta actuación é conectar o barrio da Parda con Otero Pedrayo, creando un gran percorrido verde a través do Gafos que chegaría até a ría".
Ao respecto do futuro pavillón da Parda, Lores quixo sinalar que é un proxecto que continúa o seu camiño, e que precisará dun estudo de viabilidade chegado o momento, pero que si quere deixalo todo preparado para antes do vindeiro mandato.