As veciñas e veciños de Soutomaior poderán renovar e facer o Documento de Identidade de maneira directa no concello
Soutomaior, 21 de maio de 2025. Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e o concelleiro de Réxime Interior, Diego Moreira, reuníronse cos inspectores da Policía Nacional Esteban Pinilla e Arturo Mediavilla, co obxectivo de formalizar a visita da División de Documentación da Policía Nacional, para poder achegar o servizo de expedición do DNI e do pasaporte ao concello de Soutomaior.
Trátase do Proxecto VIDOC, que consiste en oficinas móbiles da Policía Nacional, e que, no caso de Soutomaior, se instalarán no propio concello, permitindo, nun solo trámite, obter ou renovar o DNI e o pasaporte.
Un novo avance na boa xestión do concello de Soutomaior que facilitará este trámite á veciñanza que ata o de agora tiña que trasladarse a cidades veciñas e perder unha mañá en realizar o Documento de identidade ou a súa renovación.
Dende o Concello ofreceron todo tipo de facilidades para que esta oficina móbil conte coas mellores prestación durante as xornadas que pase en Soutomaior.
O 30 de xuño será a primeira data onde esta oficina móbil chegará a Soutomaior, as citas pediranse de maneira directa nas oficinas do concello en horario de 9:00 a 14:00h. O concello avisará nas vindeiras semanas da apertura destas citas para que a veciñanza poida beneficiarse deste servizo.