Mosquera pide ao presidente da Deputación que releve a Domínguez do seu cargo para avanzar nos proxectos dos edificios centrais do Museo e Santa Clara
Pontevedra, 21 de maio de 2025. O voceiro do BNG na Deputación César Mosquera pediu hoxe ao presidente da Deputación que releve a Rafa Domínguez das súas responsabilidades á fronte do Museo para poder desatrancar os proxectos dos edificios centrais e de Santa Clara. O nacionalista alertou de que ambas actuacións están en bastante peor situación que no mandato anterior porque o vicepresidente popular só provoca “liadas que o único que producen son retrasos”. O representante do Bloque dixo que “algunha solución haberá que darlle”, e advertiu de que se os proxectos quedan na man de Domínguez “van ir para largo” dada a súa “incapacidade manifesta” para xestionar.
Mosquera explicou que o pasado luns 19 de maio cumpríronse dous anos dende que a anterior Corporación da Deputación aprobara en 2023 o proxecto orixinal para os edificios centrais, que xa tiña o visto bo de Patrimonio, orzamento dispoñible, e a previsión da modificación do Peprica, que chegou días despois. “Estaba todo listo para licitar”, apuntou o voceiro, engadindo que a folla de ruta era ter para 2027, ano do centenario do Museo, os edificios centrais xa reformados e musealizados e moi avanzada a rehabilitación de Santa Clara.
“Como é público e notorio houbo un cambio de goberno. Había expectativas favorables porque quen collía o tema era unha persoa de Pontevedra que, con matices, ía botar todo o cariño e o esforzo para sacalo adiante”, dixo en relación a Domínguez, para aclarar que tras estes dous últimos anos o único que hai, pola contra, “é a nada”. O atraso é máis grande que naquel momento porque non están nin os informes necesarios nin o novo proxecto está aprobado: “Houbo unha volta atrás”.
O voceiro nacionalista recoñeceu que a obra é complexa, lembrou que ofreceu sempre colaboración pero que nunca se lle pediu nin publica nin discretamente, e subliñou que é hora de resolver a situación “polo ben de Pontevedra e do Museo”. Por iso lanzou unha petición a Luís López para que tome medidas: “Van alá dous anos e podo dicir que se o presidente quere que neste mandato o Museo teña os proxectos en marcha, se quere desatrancalos e que avancen, eu recomendaríalle, pediríalle, que releve ao señor Domínguez”.
Asegurou Mosquera que o vicepresidente ‘popular’ é “radicalmente incapaz de xestionar”, polo que pediu que se lle asignen outras competencias “porque estas parece que lle desbordan absolutamente”, xa que nos dous últimos anos “os pasos que dou xa non teñen moita volta atrás”.
O nacionalista fixo tamén o prognóstico de que no caso de que a reforma dos edificios centrais siga nas mans de Domínguez “non sei en que ano vai estar (...) pero irá para largo”. Advertiu que se non se poñen cartas no asunto todos os edificios seguirán deteriorándose e incluso, ante posibles novas deficiencias, podería ser necesaria unha nova reforma do proxecto que aínda prolongaría máis os atrasos xa acumulados.
En canto aos fondos europeos concedidos para a reforma dos edificios centrais, que tiñan que estar xustificados a finais de 2026, Mosquera considera evidente que se van perder. “Neste caso o clamoroso é que se parou todo o proxecto a mantenta, porque se non fose así, chegábase. (...) Agora mesmo tería que estar a metade da obra feita. (...) Aquí hai unha incapacidade de xestión manifesta que se convirte nunha perda”, insistiu o líder nacionalista.
Patrimonio
Mosquera subliñou que o proxecto do anterior goberno provincial tiña o visto bo de Patrimonio. Destacou que incluso se redactou seguindo as directrices do departamento autonómico, xa que se incluíron cuestións como o encalado das paredes exteriores en branco. “Estaba todo, se non estivera non se podería ter aprobado”, subliñou, para indicar que ningún proxecto pode aprobarse se non ten os informes sectoriais correspondentes, tal e como ocorre tamén co proxecto de Mollavao, pendente de saír adiante da autorización de Costas.