Luís Bará denuncia que a Xunta pretende utilizar as competencias do litoral para perpetuar a ocupación da Xunqueira do Alba

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará denuncia que a Xunta pretende utilizar as competencias do litoral para perpetuar a ocupación da Xunqueira do Alba

Pontevedra, 21 de maio de 2025. O BNG volveu rexistrar unha batería de iniciativas parlamentares para impulsar o traslado das instalacións da Xunta na Xunqueira da Gándara ou do Alba, en terreos de dominio público marítimo terrestre que forman parte do ENIL da Xunqueira do Alba e que tamén foron cualificados como zona prioritaria de restauración ecolóxica na Estratexia Galega da Infraestrutura Verde.

Logo de constatar que a Xunta leva anos retrasando o traslado das instalacións de Medio Rural (servizo de incendios) e da Axencia Galega de Infraestruturas (Centro de Conservación e Vialidade Invernal da Rede de Estradas), o deputado nacionalista Luís Bará denuncia que “a Xunta pretende utilizar as competencias de xestión do litoral, que vai asumir próximamente, para manter a concesión irregular dos equipamentos situados neste espazo natural”.

Para o BNG é prioritaria a liberación destes espazos, tanto os ocupados pola Xunta como polo administración do Estado. No caso da Xunta, Bará demandou que “deixen de poñer excusas e se poñan a traballar en serio no traslado das instalación, no desmantelamento das edificacións e na rexeneración e naturalización destes espazos, o que permitiría gañar máis de 13.000 m2 de zonas verdes”.

Bará animou á Xunta “a seguir o exemplo da Deputación de Pontevedra, que desmantelou as instalación do parque de maquinaria e da imprenta provincial, o que permitiu gañar unha zona verde de uso público de mais de 17.000 m2”.

Terreos ocupados pola Xunta na Xunqueira
Terreos ocupados pola Xunta na Xunqueira

Incumprimento do compromiso de desmantelar as instalacións de Medio Rural

En resposta a unha pregunta parlamentar do BNG, a consellaría do Medio Rural anunciou en 2022 o traslado das instalacións que ocupa na Xunqueira do Alba sobre un predio de 8.700 metros cadrados que funcionaba como centro loxístico, taller e base para o servizo de bombeiros forestais.

Naquela altura, o director de Defensa do Monte manifestou que "O obxectivo é ter o proxecto de demolición e rexeneración en 2023 para deixar os terreos libres e rexenerados na medida do posible”.

A día de hoxe, transcorridos tres anos desde o primeiro anuncio do traslado, o predio en cuestión segue ocupado por instalacións, maquinaria e vehículos da consellaría e non hai ningunha nova sobre a recuperación deses terreos.

 

Boicot por parte da Axencia Galega de Infraestruturas

Mentres que a consellaría do Medio Rural activou o traslado das instalacións da Xunqueira ao polígono de Botos e ao Campiño, a consellaría de Infraestruturas mantén unha actitude obstruccionista, con unha absoluta falta de vontade para trasladar as instalacións do Centro de Conservación da Rede de Estradas. Lembra Bará que a Deputación chegou a ofecer uns terreos no polígono de Barro, sen que houbese resposta por parte da Xunta.

Tendo en conta estes feitos e as respostas recibidas por parte do departamento de Infraestruturas, o BNG responsabiliza directamente á Conselleira María Allegue da negativa a trasladar as instalacións que ocupa na Xunqueira do Alba.

Luís Bará denuncia que a Xunta pretende utilizar as competencias do litoral para perpetuar a ocupación da Xunqueira do Alba