O BNG SOLICITA PLENO EXTRAORDINARIO ANTE A GRAVIDADE DOS FEITOS

O Concello de Soutomaior condenado por partida dobre por contratar en fraude de lei

Foto Manu Lourenzo
O Concello de Soutomaior condenado por partida dobre por contratar en fraude de lei

Soutomaior, 18 de xaneiro de 2021. O Concello de Soutomaior foi condenado por dúas sentenzas, unha do Xulgado do Social número 2 de Vigo e outra do Xulgado do Social número 1 de Vigo polos contratos que realizou a auxiliares de policías local. A pesar de que o BNG xa advertira destas irregularidades no pleno municipal no seu momento, o grupo de goberno do Partido Popular seguiu tramitando contratos que incumprían os requisitos imprescindíbeis para a contratación” .

Agora, as dúas sentenzas obrigan a readmitir aos traballadores e o concello terá que pagar o soldo de todos estes meses aos traballadores ademais das costas no proceso xudicial. 

Pero ademais, como a situación destes auxiliares era ilegal e polo tanto dende o concello non podían tramitar as multas, o trámite de varias destas sancións realizouse presuntamente con números de axentes que en ocasións levaban anos fóra do concello; empregando estas identificacións falsas para tramitar multas que doutro xeito non poderían ser cobradas.

Pero non foi esa a única irregularidade pola que se esixen explicacións ao goberno local, xa que esta situación deixou ao descuberto tamén multas que se tramitaban no concello sen haber ningún axente de servizo, algo absolutamente ilegal.

Estas prácticas, de confirmase, poderían ser constitutivas de delitos moi graves como prevaricación, falsidade en documento público, ou suplantación de identidade. 

A este respecto, o portavoz municipal do BNG sinalou que, de confirmarse estes presuntos delitos, estaríamos ante un dos escándalos máis graves da historia de Soutomaior e que de confirmarse demostrarían cal é nivel de deterioro do goberno local. Estamos falando de varios presuntos delitos para cobrarlle multas aos veciños e veciñas cando, de ser así, sería o propio Concello o que estaba incumprindo a lei.

O BNG solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario para esclarecer esta situación. O pleno terá lugar o vindeiro mércores ás 9.15 horas da mañá.

O Concello de Soutomaior condenado por partida dobre por contratar en fraude de lei