Concello de Pontevedra e Xunta acordan a construción dun novo parque canino cun investimento de 100.000 euros
Pontevedra, 22 de abril de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciaron un acordo de colaboración institucional para a creación dun novo parque canino na cidade. O proxecto contará cunha achega de preto de 100.000 euros por parte da administración autonómica.
Esta nova dotación, que converte a Pontevedra na segunda cidade galega en contar con este tipo de instalacións impulsadas polo goberno galego, situarase nunha parcela de 2.500 metros cadrados cedida polo Concello de Pontevedra. Desta superficie, aproximadamente 500 metros cadrados destinaranse a habilitar dous accesos diferenciados
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que este novo parque canino é unha infraestrutura moi necesaria para a cidade, especialmente após o peche do recinto situado na Xunqueira do Alba por mor das obras do nó de bombeiros.
A localización escollida estará próxima ao futuro parque da Parda, e atópase nun barrio en plena expansión. Lores sinalou que a área experimentará un gran crecemento no futuro grazas ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que a Xunta está a poñer en marcha,e no que se prevén máis de 2.000 novas vivendas. Esta localización busca anticiparse ás necesidades das novas familias e xente moza que se instalará na zona, que é o sector da poboación con maior tendencia a ter animais de compañía.
Doutra banda, o espazo irá máis aló dun simple recinto pechado, xa que contará con fontes para que os animais poidan beber, dispensadores de bolsas, zonas de obstáculos e xogo, así como áreas de interacción tanto para os cans como para os seus donos. En Pontevedra, hai máis de 18.000 cans rexistrados, o que supón practicamente un can por cada cinco persoas.
No referido aos prazos de execución, está previsto que o proxecto estea redactado nuns dous meses para a súa posterior adxudicación. A intención é que os traballos poidan comezar no mes de xuño, cun tempo estimado de execución de tres meses. Unha vez finalizadas as obras e asinado o acto de recepción, o Concello de Pontevedra asumirá as tarefas de mantemento e conservación do parque.