SÁBADO 16 DE MAIO. CASA DA LUZ

Pontevedra acollerá o primeiro pitching presencial das Titorías AGAG para impulsar o talento das mulleres guionistas

Pontevedra acollerá o primeiro pitching presencial das Titorías AGAG para impulsar o talento das mulleres guionistas

Pontevedra, 22 de abril de 2025. Pontevedra converterase o sábado 16 de maio nun punto de encontro clave para o talento audiovisual galego coa celebración do Pitching das Titorías da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). A cita, que se desenvolverá na Casa da Luz a partir das 10:30 horas, ten como obxectivo principal dar visibilidade e apoio ás mulleres guionistas e fomentar as mesmas oportunidades na industria. 

A iniciativa foi presentada pola edil Anabel Gulías e a coordinadora da asociación, Sara Varela. Na súa intervención, Gulías amosou a disposición do Concello a establecer unha "colaboración permanente no tempo" con este proxecto, xa que pon o foco nun dos temas principais do sector: as condicións laborais e a precariedade das persoas que se dedican ao cinema, unha situación "bastante recorrente" no caso das mulleres. 

Ademais, a edil subliñou que esta acción reforza o traballo constante de Pontevedra co sector audiovisual, servindo para que o fito dos Premios Feroz "deixase certo pouso" na cidade, e poñendo en valor o talento que se está a formar no Campus Crea e nas facultades de Comunicación Audiovisual e Belas Artes. 

Pola súa banda, Sara Varela destacou a importancia de dar o salto do formato remoto ao presencial tras o inicio das titorías no 2020, un paso posible grazas ao apoio do Concello de Pontevedra. Varela lembrou que, no momento de creación do proxecto, a presenza de mulleres guionistas era só do 26%, unha fenda que nestes últimos anos se logrou reducir incrementando a cifra en máis dun 10%. Así mesmo, fixo fincapé en que todos os proxectos que se presentan son en galego e celebrou que Pontevedra sexa unha cidade referente para as mulleres do audiovisual, albergando premios como o certame "Mulleres no Foco”. 

Durante a xornada presentaranse un total de seis proxectos desenvolvidos no marco destas titorías. Na categoría de longametraxe participarán Paula Sanmartín co proxecto Roi e Antía Rodeiro con Lorzas; no ámbito das series presentaranse Sinfonía do extrarradio de Diana Longa e O desterro de María Fernández Ache; mentres que en programas de televisión defenderanse Fóra (Xulia Lomba) e O xornal (Adela Martínez e Paula López). 

O encontro contará coa presenza de produtoras convidadas como CTV, Cósmica Produccións, Matriuska, Artyc ou Brava, representadas case na súa totalidade por mulleres profesionais do sector, como Alba Araujo, Nati Juncal, Elena G. Román, Tania Vila, Bea Villar ou Cristela Torres. Este espazo xerará un "caldo de cultivo óptimo" para que as creadoras e produtoras poidan intercambiar ideas, favorecendo a posta en marcha de novos proxectos audiovisuais en Galicia e reforzando o papel das mulleres na creación de contidos. 

O evento conta tamén co apoio institucional da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a Fundación SGAE e CIMA. 

Pontevedra acollerá o primeiro pitching presencial das Titorías AGAG para impulsar o talento das mulleres guionistas