O Concello de Pontevedra recepciona a obra de Barcelos
Pontevedra, 31 de maio de 2024. Concello e Deputación de Pontevedra asinaron esta mañá os papeis que fan unha realidade a recepción oficial das obras realizadas na contorna perimetral da praza de Barcelos, dándose por finalizadas as distintas actuacións acometidas na zona.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do presidente da Deputación, Luís López Lugués, visitou a céntrica praza para comprobar in situ os traballos realizados e subliñar tanto a colaboración entre administracións á hora de facer posíbel obras deste tipo, como a colaboración coa veciñanza de Pontevedra, «que foi exemplar».
Os traballos de reforma dos viais perimetrais da céntrica praza remataron hai uns días para ofrecer novos espazos con accesibilidade universal, mellor mobilidade e maior seguridade
«Todos os viais perimetrais e os servizos soterrados foron mellorados e mudados. Falamos duns servizos que tiñan xa máis de 40 anos e que mesmo tiñan conexións incorrectas entre pluviais e saneamento», indicou o rexedor. «Ademais do traballo que é evidente, e que loce espectacular por riba, hai un traballo que non se ve, que está por baixo, pero que permite que a cidade funcione».
Fernández Lores tamén valorou o «excelente traballo dos técnicos», no día que se formalizaba a recepción oficial do proxecto, entre empresa adxudicataria e Concello de Pontevedra. Doutra banda, o alcalde tamén quixo facer unha chiscadela cara ao futuro do resto da praza, que vai unido ao da apertura de Santa Clara cara esta parte da cidade, e que se irá resolvendo nos vindeiros tempos «para así por a disposición da veciñanza todo ese espazo verde».
Os servizos soterrados da zona tamén foron mudados, ao tempo que se creou un novo habitáculo do transformador de Fenosa que está situado no recinto do CEIP de Barcelos
«Todas as institucións temos o deber de colaborar parar mellorar a calidade de vida da veciñanza e esta obra é, nese sentido, exemplar, pois nos permite reformular un espazo existente e outorgarlle unha calidade urbana excepcional no centro da cidade», finalizou.