Dixitalizados e de acceso libre na rede máis de 400 números de xornais antigos de Caldas de Reis
Máis de 400 números de xornais antigos de Caldas de Reis veñen de ser dixitalizados e son xa de consulta libre e aberta en internet grazas á colaboración da Biblioteca Municipal Martínez Ferro da vila caldense e ‘Galiciana’, a Biblioteca Dixital de Galicia.
Segundo explica o concelleiro de Cultura Manuel Fariña, trátase en total de 413 números de 9 cabeceiras de prensa antiga de entre 1886 e 1919 editados en Caldas de Reis ou de interese para a localidade. Os traballos de dixitalización duraron varios meses: comezaron o 30 de outubro de do ano pasado e remataron recentemente coa subida dos documentos a web de Galiciana, polo as publicacións periódicas son xa de consulta libre para calquera persoa investigadora ou interesada a título persoal.
As publicacións que se poden consulta son ‘La Democracia: semanario republicano’, ‘El Umia: periódico semanal de intereses generales’, ‘Fray Prudencio’, ‘La democracia: semanario republicano’, ‘La Justicia’, ‘El mirlo blanco: periódico católico social’, ‘La Defensa’, ‘Voz del pueblo: periódico defensor de los intereses de la comarca’, e ‘La Provincia: Semanario popular independiente’.
Fariña destaca a importancia de que a cidadanía teña cada vez menos atrancos nas barreiras espazo-temporais para a consulta, o coñecemento e a posta en valor dos recursos patrimoniais de Caldas. Subliñou a transcendencia de que unha biblioteca municipal como a da vila termal conte coa axuda de Galiciana para difundir e dar acceso ao patrimonio bibliográfico na rede, amais de contribuír á súa preservación mediante a aplicación das TIC.
Por este motivo agradeceu o labor realizado por parte do persoal da Biblioteca Municipal Martínez Ferro, onde se gardan fisicamente os exemplares, pola súa implicación e interese nesta iniciativa. Tamén manifestou tanto a súa gratitude como a do persoal da biblioteca caldense ao veciño Xoán M. Domato Castro, quen no seu día fixo a doazón dos materiais “de grande valor cultural” á Biblioteca Pública Martínez Ferro, “e por suposto ao equipo técnico de Galiciana da Biblioteca Dixital de Galicia, en concreto á Elena Díaz del Río polo seu traballo”.