Barro presenta a programación da XLV Festa do Viño, na que a cultura local ten un papel protagonista
A programación da Festa do viño de Barro contará, un ano máis, cun espazo protagonista para a cultura local, nunha edición na que o encargado de dar o pregón será ramón Ballesteros, enfermeiro durante 24 anos no centro de saúde de Barro e que deixou unha fonda pegada entre a veciñanza.
O alcalde destacou que se elaborou con moito mimo “unha programación, pensada para todos os públicos, na que se lle quixo dar un espazo protagonista ás entidades e artistas locais”.
As actuacións de Jorge Menéndez e Son das Tabernas complementan as actuacións de catro orquestras de primeiro nivel como son París de Noia, Marbella, Capitol e La Ola ADN. A Banda Xuvenil de Barro será a encargada de poñerlle o ramo á festa desta vez será co espectáculo Verbena Sinfónica.
Tamén haberá espazo para a música tradicional, co Grupo de danzas Amor Ruibal, que se encargará da inauguración do XVII certame Rías Baixas, e as pandereteiras da AC Peñaflor. E en canto á música coral, actuarán a Coral Polifónica de Barro e a Coral da Portela.
Ademais das distintas e diversas actuacións musicais, nesta edición haberá tamén actividades pensadas para os máis cativos, un espazo para deporte cun torneo de tenis e outro de fútbol, unha exposición de motos clásicas e a tradicional sardiñada e xantar popular.
As catas finais celebraranse o domingo 16, momentos antes da entrega de premios nos que se coroarán os mellores viños locais caseiros e os mellores viños das adegas da DO Rías Baixas.