COMEZARÁN O DÍA 19 DE XUÑO COA COLOCACIÓN DA FAIXA MULTICOLOR NO BALCÓN DA CASA CONSISTORIAL
Orgullo Pontevedra 2024, unha semana chea de actividades para reivindicar os dereitos LGBT
Pontevedra, 31 de maio de 2024. Pontevedra vivirá do 23 ao 29 de xuño unha nova semana de reivindicación dos dereitos sociais, dos dereitos LGBT, cunha ampla programación do Orgullo. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías acompañada do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e do voceiro de Avante, Diego Feijoo, presentaron a programación do Orgullo Pontevedra 2024 no local Rumore, da rúa Virxe Peregrina.
O voceiro de Avante Pontevedra, Diego Feijoo, explicou ao respecto da programación deste ano que “seguimos apostando por unha combinación de cultura, formación, festa e reivindicación. O Orgullo Pontevedra 2024 serán sete días de intensa actividade que comenzaremos o 23 de xuño cun vermú de programa Pinto de Maragota, no Campiño para celebrar un San Xoán diverso cunha DJ e petiscos”.
A programación continuará o luns 24 e o martes 25 coa actividade Contos de Cores na libraría Seijas. O mércores 26 e xoves 27 a Casa das Campas acollerá os encontros do Orgullo Pontevedra para falar de realidade non-binaria con Né Barros e Max Suárez da Asociación Arelas ou unha nova edición de referentes con Guillermina Domínguez. Outra temática será “familias diversas”.
Ademais, dende o día 24 ao 28 terá lugar unha nova edición de Ambienta, Mostra de Cinema LGBT, de Pontevedra.
O venres 28, Día do Orgullo LGBT, Avante LGBT farálle unha homenaxe a María del Carmen del Valle, mestra lesbiana de Cerponzóns que deixou pegada na comarca.
Rematarase cunha gran festa do Orgullo o sábado 29 de xuño, que este ano se muda ao Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e até a madrugada. Iníciase cunha sesión vermú coa actuación de Ana Talibana. Tamén haberá unha sesión DJ durante a tarde con Duendeneta e para rematar, na noite, habrá un concerto de Londreira e e pechará a festa a DJ, Señora DJ.
As oito da tarde sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra con lema “Avanzar en Dereitos”.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías explicou que dende o Goberno “acordouse unificar” as áreas que estaban levando as actividades de Igualdade “e facer unha única programación para celebrar que esta cidade é diversa e moi orgullosa”. Agradeceu a colaboración de Avante xa que non tería sido posible organizar unha programación tan completa sin eles, sin elas.
Indicou que “para nós os actos de orgullo non son unha efemérides nun calendario, é unha declaración de intencións do que é Pontevedra. Pontevedra é hoxe unha cidade moderna, acolledora e plural, unha referencia en moitas cousas, e tamén unha referencia na loita polos dereitos sociais das persoas”. Anabel Gulías anunciou que “este ano quixemos cargar políticamente, significar políticamente, estes actos. Son unha festa para celebrar entre todes, pero tamén unha declaración de intencións na defensa e no avance dos dereitos sociais das persoas”.
A concelleira de Igualdade explicou que dende a área de dinamización sociocultural faise unha proposta formativa e informativa durante todo o ano. Fixo repaso de programas como ‘Pinto e Maragota’, o “primeiro programa de diversidade sexual que se leva a cabo neste Concello” ou as actividades nos centros de ensino.
Tamén referiuse á faixa reivindicativa que se instala cada ano no balcón da Casa Consistorial. Fixo un convite a toda pontevedra para que acompañen este acto que será o vindeiro 19 de xuño ás 20.00 horas “para que todo o mundo se achegue e celebre, e tamén reivindique”.