O Concello de Pontevedra e Prezero presentan nova maquinaria da flota do servizo de residuos

O Concello de Pontevedra e Prezero presentan nova maquinaria da flota do servizo de residuos

Pontevedra, 13 de maio de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, e os representantes da empresa concesionaria Prezero, presentaron a última gran parte da frota do servizo de limpeza e recollida de residuos. Son 23 novos vehículos que comezan a operar de forma inmediata nas rúas da cidade. 

A nova maquinaria está conformada por vehículos propulsados a gas e enerxía eléctrica. 

Novos vehículos incorporados ao servizo de limpeza
Novos vehículos incorporados ao servizo de limpeza

Durante a presentación o alcalde cualificou as novidades como "un paso adiante importantísimo respecto á recollida de residuos, o tratamento e tamén a limpeza viaria", engadindo que o servizo entra "na fase do 100% da capacidade que vai a ter este contrato para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e das cidadás de Pontevedra". 

Fernández Lores tamén aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao compromiso da veciñanza para alcanzar os obxectivos de reciclaxe, lembrando que a tecnoloxía debe ir acompañada da colaboración: “os residuos cando se separan, se recollen separadamente, se tratan, se reciclan son, un recurso e cando se verten son unha especie de bomba de reloxería", advertiu, subliñando a necesidade de reducir ao máximo o lixo que remata nos vertedoiros ou nas prantas de incineración. 

Estes 23 vehículos veñen a completar un amplo parque móbil que se foi despregando ao longo dos últimos meses. No pasado mes de decembro, o Concello xa presentara outro lote que incluía 15 triciclos eléctricos para pequenas limpezas e revisión de composteiros, 9 furgonetas, 3 varredoiras (dúas delas de 5 m3 para grandes vías e unha decapadora para zonas peonís) e un tractor para rozas nas zonas periurbanas. 

Previamente, na primeira entrega de outubro, incorporáronse 21 equipos clave para o traballo diario: 10 carros portacaldeiros 100% eléctricos con hidrolimpadora incorporada para o varrido manual, unha gran varredoira dual con tres cepillos e sistema de insonorización, e 5 vehículos auxiliares eléctricos tipo "pick-up" para as actuacións en contornas rurais. 

Malia que a frota exposta hoxe supón o groso do servizo, aínda restan por incorporar sete vehículos (camións) que xa están carrozados. 

O Concello de Pontevedra e Prezero presentan nova maquinaria da flota do servizo de residuos