O Concello de Pontevedra ponse a disposición da Xunta para avanzar na mellora do trazado da PO-224 e buscar alternativas viarias á A-57

Alcalde PO 224
Alcalde PO 224
O Concello de Pontevedra ponse a disposición da Xunta para avanzar na mellora do trazado da PO-224 e buscar alternativas viarias á A-57

Pontevedra, 21 de novembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta este venres, 21 de novembro, do envío dunha carta á Conselleira de Infraestruturas, Planificación, e Vivenda da Xunta de Galiza, María M. Allegue; para trasladarlle formalmente o acordo plenario da corporación municipal do pasado luns. 

O acordo, que foi adoptado por unanimidade de toda a corporación, céntrase en catro puntos fundamentais e xa fora comunicado á Conselleira nunha conversa previa ao pleno do día 17. 

Os principais termos do acordo son: 

  • Rexeitamento da circunvalación: O Concello desbota a continuidade da circunvalación de Pontevedra nos tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro.
  • Redirección de fondos: Os cartos teoricamente destinados a estes dous proxectos (uns 11 ou 15 km) deben ser dedicados a continuar a estrada A-57 cara ao Confurco e a A-52 e Portugal.
  • Conexión estatal a Vigo: Solicitar que o Estado realice a conexión directa con Vigo desde o actual trazado feito entre Vilaboa e Pilarteiros, xa que a conexión Vilaboa-Vigo pola autoestrada neste momento non existe.
  • Mellora da PO-224: Buscar alternativas de mellora da capacidade e do trazado da estrada PO-2, que é titularidade da Xunta de Galiza.

O alcalde subliñou que esta vía (a PO-224, que sae de Ponte Bora) “apenas se tocou nos últimos 40 ou 50 anos”. A vía precisa unha mellora substancial do trazado, xa que conta con moitas curvas e ten puntos críticos como a ponte sobre o río Lérez que non ten cabida para o cruzamento de dous vehículos. Actuar nesta estrada é necesario para que a xente que vive nesa zona, até Forcarei, poida dirixirse cara Vilagarcía ou o Salnés sen ter que cruzar a cidade de Pontevedra. 

En aplicación dun comportamento de lealdade institucional, o Concello de Pontevedra ponse a disposición da Consellería para manter reunións operativas (a nivel político e técnico) e axudar a elaborar alternativas que sexan viables e compatibles co territorio, garantindo a mellora das conexións viarias sen afectar negativamente aos núcleos rurais. 

O alcalde agradeceu a boa disposición inicial da Conselleira a estudar o tema se se trataba de mellorar as conexións nas estradas que dependen da Xunta de Galiza. 

O Concello de Pontevedra ponse a disposición da Xunta para avanzar na mellora do trazado da PO-224 e buscar alternativas viarias á A-57