Continúan os traballos de mantemento dos espazos urbanos coa mellora do alumeado artístico na rúa Don Gonzalo

Moreda Luces Don Gonzalo
Moreda Luces Don Gonzalo
Continúan os traballos de mantemento dos espazos urbanos coa mellora do alumeado artístico na rúa Don Gonzalo

Pontevedra, 21 de novembro de 2025. O edil responsábel de mantemento dos espazos públicos urbanos, Xaquín Moreda, deu conta das as actuacións que o Concello está a levar a cabo na cidade para a renovación e mellora do alumeado artístico. Moreda subliñou que o mantemento dos espazos públicos, e especificamente o alumeado, é —e seguirá sendo— unha prioridade de mandato. 

Así, na actualidade, estanse a realizar traballos de renovación na Rúa Don Gonzalo. Nesta localización, están a ser substituídas unha serie de barras de iluminación situadas enriba do muro da Praza de Méndez Núñez. Tamén se están renovando os focos, concretamente os proxectores de chan situados no arco da rúa Don Gonzalo. 

O concelleiro explicou que, ao igual que sucedeu noutras ocasións, as luminarias anteriores atopábanse estragadas por cuestións de humidade. Porén, coa nova tecnoloxía instalada, estes puntos de luz resistirán máis as inclemencias meteorolóxicas. 

Entre as actuacións xa realizadas nos últimos meses en relación co mantemento urbano, Moreda mencionou a colocación dun proxector para iluminar a Praza da Peregrina. Ademais, renovouse todo o alumeado artístico na zona do Campiño. Tamén se colocou un proxector na Praza de Santa María, que levaba tempo sen funcionar. 

De cara ao futuro inmediato, Moreda adiantou que a seguinte actuación prevista será a colocación de proxectores na fachada do Convento de Santa Clara. O obxectivo é ofrecer máis iluminación para así resaltar esta parte do edificio histórico. 

Continúan os traballos de mantemento dos espazos urbanos coa mellora do alumeado artístico na rúa Don Gonzalo