O Concello de Pontevedra inicia a tramitación para crear unha gran zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar

Presentación zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar
Presentación zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar
O Concello de Pontevedra inicia a tramitación para crear unha gran zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar

Pontevedra, 20 de novembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta do impulso decisivo á creación dunha nova zona verde estratéxica na cidade, ao aprobarse na Xunta de Goberno Local o inicio da elaboración do proxecto e o proceso de adquisición de terreos para esta nova infraestrutura. 

Este futuro espazo sitúase entre Ernesto Caballero e as vías do tren que transcorren en paralelo a José Malvar. O obxectivo é transformar este espazo nun novo pulmón e punto de encontro para a cidadanía, mellorando a calidade de vida e o espazo urbano. 

O Concello xa conta cunha retención de crédito de 3.313.215 euros destinada a facer realidade este proxecto. Esta cantidade destinarase a dous eixos principais: 

  • Adquisición e Expropiación: 2.188.644 € dedicados á adquisición e expropiación das parcelas necesarias para a infraestrutura. 
  • Urbanización e Proxecto: 1.124.570 € para a elaboración do proxecto e a posterior urbanización da parcela como zona verde. 

Para a creación deste novo espazo, requírese a adquisición de 12 parcelas. As súas superficies son variadas, oscilando desde os 184 m2 ata os 2.600 m2. 

O Concello iniciou o proceso de adquisición dos terreos, priorizando que esta se realice por avinza (acordo coas persoas propietarias). No caso de que non sexa posible, o proceso contempla a expropiación para poder levar a cabo o desenvolvemento do proxecto. 

“Estamos a dar un paso crucial para garantir que a nosa cidade siga medrando en espazos verdes e en calidade urbana. Este proxecto, longamente agardado e demandado, entra por fin en fase de execución administrativa, asegurando o investimento necesario para a súa adquisición e posterior urbanización,” afirmou o alcalde. 

O Concello de Pontevedra inicia a tramitación para crear unha gran zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar