O Concello de Pontevedra reforza a súa aposta polo comercio de proximidade coa campaña de sensibilización ‘Eu merco local’

Anabel Gulías Eu Merco Local
Anabel Gulías Eu Merco Local
O Concello de Pontevedra reforza a súa aposta polo comercio de proximidade coa campaña de sensibilización ‘Eu merco local’

Pontevedra, 21 de novembro de 2025. O Concello de Pontevedra impulsa unha nova campaña de apoio ao comercio de proximidade tras unha reunión da edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, coas principais asociacións de comerciantes da cidade (Pont Up Store, AJE Pontevedra, AEMPE e CCU Zona Monumental). 

A finalidade da reunión era afondar en “Eu merco local”, a nova iniciativa coa que o Concello quere reforzar o comercio de proximidade fronte ás campañas masivas vencelladas ao Black Friday nas grandes superficies que leva por lema “Se mercas local, o teu Concello segue vivo” e salienta o papel do pequeno comercio como motor económico e social da cidade. 

A edil subliñou que esta acción responde ao “compromiso do Concello co desenvolvemento do comercio local, fundamental para o mantemento do tecido socioeconómico de Pontevedra”. 

Deste xeito, comezará a difundirse entre esta semana e a que vén e maneira que os establecementos adheridos entregarán materiais promocionais —como autoadhesivos— durante os días 27, 28 e 29 de novembro, convidando á cidadanía a participar dunha acción colectiva que recoñece a responsabilidade e a confianza no comercio de proximidade. O material gráfico estará tamén dispoñible na Oficina de Turismo, no Concello e no enlace https:// pontevedra.gal/eu-merco-local/. 

“Eu merco local” ten por obxectivo poñer en valor o papel do pequeno comercio, que cada día contribúe a manter viva a actividade económica e social da cidade, fortalecendo a identidade de Pontevedra e o seu modelo urbano. A edil animou a toda a cidadanía a involucrarse nesta campaña e lembrou que, como indica o lema, “apostar polo comercio local é apostar por Pontevedra: polas súas rúas, polos seus negocios, polas persoas que dan vida á cidade”. 

Anabel Gulías presentación da campaña de nadal de AEMPE
Anabel Gulías presentación da campaña de nadal de AEMPE

Campaña “O teu nadal, a nosa vida”

O Concello de Pontevedra, colabora un ano máis con AEMPE por medio da nova campaña “O teu Nadal, a nosa vida” que se desenvolverá entre o 24 de novembro e o 30 de decembro cuxo obxectivo é incentivar as compras mediante premios á clientela durante unha época crucial para os establecementos como o son estas datas. 

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou a iniciativa edurante un encontro coas principais asociacións de comerciantes da cidade, no que puxo de manifesto a “importancia de comprar no comercio de proximidade. AEMPE leva anos facendo esta campaña tan exitosa na que non só saes gañando por comprar local, senón que entras no sorteo de moitos premios. Queremos facer que comprar local sexa un motivo de orgullo para todas as persoas”. 

Pola súa parte, a representante da directiva AEMPE, Marga Caeiro, explicou que “a campaña conta con 6.000€ para gastar no comercio local. Poden participar todos os comercios que o desexen. Os premios van dende os 50 ata os 500€ repartidos en 87 premios e todos os días haberá sorteos de tres premios. Os de máis contía sortearanse o último día”. 

Para participar nos sorteos, só hai que entrar na páxina web de AEMPE e rexistrarse a partir da tarxeta que entregarán con cada compra os establecementos adheridos á promoción. Aínda que a iniciativa estará aberta a todos os comercios de Pontevedra, cómpre lembrar que unicamente os locais adheridos poderán entregar os códigos da promoción.

O Concello de Pontevedra reforza a súa aposta polo comercio de proximidade coa campaña de sensibilización ‘Eu merco local’