Concello de Pontevedra e Deputación acordan os proxectos que contarán con convenio económico
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores confirmou que a Deputación cumprirá a súa palabra e subvencionará diversos proxectos recollidos no anexo de investimentos dos orzamentos de 2024. “Hai un compromiso de traballar de xeito conxunto para executar estas obras do Concello de Pontevedra e iniciaremos a tramitación correspondente”, indicou o alcalde. O Concello pasaralle á Deputación a proposta de convenios para que se vaian asinando e así sexan aprobados.
As obras recollidas neste acordo, de maior a menor contía económica son as seguintes:
- Mudanza e mellora de iluminación no barrio do Burgo e da parroquia de Lérez (1.400.000 euros)
- Renovación da nova nave de piragüismo nas Corbaceiras (400.000 euros)
- Creación do Parque da Parda (400.000 euros)
- Execución da obra da parcela sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro (200.000 euros)
- Reforma da planta baixa da Casa Consistorial (100.000 euros)
“Son cifras que suman case 2 millóns de euros, que poden sufrir algunha variación unha vez definidos ao cen por cen os convenios que serán presentados para a súa sinatura conxunta”, suliñou Lores.
O alcalde valorou positivamente o cumprimento da palabra dada polo presidente da Deputación na xuntanza mantida hai algúns meses e a partir de agora “iniciamos ese proceso que rematará coa sinatura duns novos convenios coa institución provincial para este 2024”.