O Concello instalará 12 novos composteiros comunitarios nas vindeiras semanas, acadando os 44 centros en todo o municipio
Pontevedra, 26 de febreiro de 2026. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta do avance da implantación do sistema de tratamento de residuos no municipio. Segundo anunciou, o Concello instalará nas vindeiras semanas 12 novos centros de compostaxe comunitaria, o que permitirá pasar dos 32 actuais a un total de 44 illas de tratamento.
Esta ampliación enmárcase dentro dos compromisos do novo contrato de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que ten como obxectivo final ampliar a rede ata acadar os 100 centros de composteiros comunitarios ao longo dos vindeiros anos.
A diferenza dalgúns dos xa existentes (que contan con módulos de 6 ou 10 unidades), todos os novos centros que se van instalar estarán formados por 10 unidades. Ademais, levarán consigo a instalación dun punto de auga, papeleiras e caixóns específicos para o estruturante.
Aínda que o replanteo exacto farase na vindeira semana ou na seguinte, o alcalde confirmou que as ubicacións dos novos centros xa están decididas. A distribución será a seguinte:
- Dous centros no barrio de Tafisa.
- Dous centros na contorna de Augusto García Sánchez e a Praza de Galiza.
- Un novo centro na contorna da Pasarela, na que se está a actuar actualmente.
- Un centro no barrio de Valdecorvos (Prado Novo).
- Un centro na Praza das Camelias (barrio da Parda).
- Un centro en Mollavao.
- Un centro en Fontesanta.
- Un centro en Os Praceres.
- Un centro en Estribela.
- Un centro en Ponte Muíños.
- Ademais, reforzarase o centro xa existente na rúa Alcalde Hevia.
Fernández Lores fixo especial fincapé na importancia da participación cidadá e adiantou que se levarán a cabo campañas informativas en todas as zonas onde se van ubicar as novas illas para dar a coñecer esta recollida de biorresiduos. O alcalde subliñou os grandes beneficios dos composteiros no ámbito da "economía circular e o quilómetro cero", destacando que non requiren consumo de enerxía.
O éxito do sistema reflíctese nos datos de uso: actualmente, hai unhas 200 persoas que acoden regularmente aos composteiros comunitarios para recoller o compost e empregalo nos seus hortos. Aínda que a cantidade de biorresiduos recollidos varía segundo a zona, a media de tratamento pode situarse en torno ás 25 toneladas anuais por centro comunitario, con algúns rexistrando entre 15 e 20 toneladas.
A par da expansión urbana, o Goberno local segue a traballar na compostaxe doméstica nas parroquias. Fernández Lores sinalou que se está a facer un seguimento e control exhaustivo dos composteiros individuais nas vivendas do rural, visitando as casas para comprobar o seu correcto funcionamento. O obxectivo da administración municipal é que "a grandísima maioría das casas teñan o seu composteiro" e poidan aproveitar os biorresiduos in situ.
Toda esta expansión lévase a cabo mentres o servizo continúa en fase de implantación, pendente aínda da incorporación de todo o persoal previsto para as rúas, así como dos novos camións e maquinaria de recollida