Fariña denuncia que as obras da Xunta no CEIP San Clemente supostamente manexaron amianto co profesorado dentro do centro e provocaron unha inundación na planta alta
Caldas, 27 de febreiro de 2026. Nova desfeita debido ás obras da Xunta no CEIP San Clemente de Caldas. O tenente de alcalde Manuel Fariña denunciou hoxe que o centro de ensino está a vivir un novo episodio de alerta: segundo as queixas do persoal, a empresa que realiza a reforma manexou supostamente nos últimos días amianto no tellado co profesorado no interior e, ademais, provocou unha inundación no andar superior do edificio que fai imposible dar clase con normalidade nas aulas afectadas, deixando a máis dun cento de rapazas e rapaces sen actividade lectiva.
O nacionalista lamentou a incapacidade da Xunta de Galiza para levar adiante unha reforma que se presupón sinxela sen alterar o día a día da comunidade educativa. Lembrou que os retrasos e paróns na reforma foron continuos, provocando dende o inicio de curso unha obrigada convivencia co material de obra, períodos sen calefacción e sen luz aos que agora se unen tamén as inundacións e unha alerta co amianto.
Por todo isto, Fariña urxe que a Consellería se faga cargo da súa responsabilidade, solucione os problemas actuais co amianto, da auga, e finalice as obras de maneira urxente dando todas as explicacións necesarias sobre se a seguridade no centro se viu comprometida. “Non caben máis contratempos e hai que aclarar a situación xa”, advirte.
Fariña explica que nos últimos días persoal da empresa construtora estivo traballando no tellado. Ao parecer, segundo a comunidade docente, manexáronse elementos con amianto sen ter avisado mentres o colexio estaba aberto. A maiores, caeu cara ao interior dende o tellado algún ‘palé’ de material e pranchas de lá de rocha, algo que se repetiu no día de hoxe a consecuencia do vento e a choiva nos elementos que estaban arrombados na cuberta.
A máis, o caos ampliouse no colexio debido a que na pasada noite -na que choveu en bastante abundancia- a auga tamén filtrou para o interior, anegando o chan e danando incluso algúns materiais de diferentes estancias. As filtracións continúan durante a mañá de hoxe, non sendo posible permitir que o alumnado accedese ás aulas, o que provocou que a actividade lectiva se fixese imposible. A decisión ante a caída de elementos e de auga foi drástica por parte da dirección: nas plantas superiores non pode estar ninguén.
Para dar parte da situación, dende o centro advertiron tanto á dirección de obra como á Consellería de Educación. Fariña subliñou a indignación tanto do persoal docente como da ANPA por toda a situación xa que, “se antes, cando foi o da calefacción, xa consideraban que lles estaban a tomar o pelo, agora a situación aínda empeorou. Cantos máis desgustos van ter que afrontar neste colexio?”, cuestionou.
O responsable municipal subliña que o CEIP San Clemente ve imposible un funcionamento normal do colexio dende o inicio de curso. Subliña que a Consellería de Educación “ten moitas explicacións que dar” sobre os motivos polos que ignora as necesidades do colexio de maneira reiterada tanto dende o punto de vista educativo e de cantidade de persoal docente como tamén dende a calidade das instalacións e do correcto transcorrer da obra, que agora incluso parece ameazar a propia seguridade persoal da comunidade educativa tanto polo amianto como pola caída de elementos do tellado.
“A Xunta promoveu a reforma do edificio para intentar calmar as queixas porque non se atendían ningunhas das necesidades educativas do CEIP, e agora esas obras que ían ser o maná están a supoñer problemas un día si e outro tamén”, denuncia o responsable do BNG. Anunciou, neste sentido, que o Concello encargará por si propio, un profesional independente para que avalie a seguridade do tellado para saber se é axeitado dar uso ao andar superior ou mantelo pechado.
A estas horas da mañá aínda ninguén responsable da obra nin da Xunta de Galiza apareceu no centro para coñecer a situación nin dar explicacións.