Concello de Pontevedra e Real Academia Galega asinan un acordo para reverter a perda de galegofalantes na infancia e na mocidade
Pontevedra, 27 de febreiro de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, presentaron un acordo de colaboración histórica para avaliar e impulsar o uso do galego nos centros de ensino infantil, primaria e secundaria do municipio. A iniciativa quere facer fronte á perda de falantes diarios nas novas xeracións e consta de dúas fases fundamentais: a creación dun mapa sociolingüístico escolar e a posterior implantación do programa "Modo Galego Activo”.
Durante a comparecencia, o rexedor alertou da caída "case exponencial" de galegofalantes, sinalando a preocupación compartida de que moitos alumnos e alumnas entran ao ensino falando galego e saen falando única e exclusivamente castelán.
Pola súa banda, Henrique Monteagudo confirmou esta "alarmante situación", lembrando que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2023, Pontevedra é unha das cidades galegas con menor presenza do idioma. Ante esta realidade, o presidente da RAG subliñou a necesidade de ir "máis alá da crítica ou da análise" para poñer en práctica iniciativas dinamizadoras no sistema educativo.
O proxecto comezará coa elaboración dun mapa sociolingüístico, de participación voluntaria para os centros educativos, que ofrecerá unha radiografía detallada do coñecemento e uso do galego entre a poboación infantil e xuvenil. Os datos recompilaranse de cara á publicación dun informe xeral e de informes particularizados para os centros no ano 2027, o que servirá como punto de partida para as futuras intervencións.
A continuación, activarase o "Modo Galego", unha iniciativa de intervención sostida no tempo que xa acadou resultados moi positivos noutros concellos como Ames. A través de compromisos mensuais, retos e recompensas adaptadas a cada idade (como excursións ou álbums de cromos), o programa busca que o galego transcenda a materia escolar e se empregue de forma lúdica fóra das aulas, como nos recreos e no contorno familiar. Esta fase require a implicación de toda a comunidade: profesorado, persoal de comedores, administración e, especialmente, das familias.
Fernández Lores amosouse "moi ilusionado" co proxecto, destacando a capacidade do programa para que os nenos e as súas familias valoren o uso do idioma na vida diaria. Henrique Monteagudo concluíu enviando unha mensaxe de motivación: "Temos que chegar á xente cunha mensaxe non de pesimismo, senón de esperanza; de que hai maneiras e modos de cambiar esta situación", salientando que con estas dinámicas os rapaces galegofalantes séntense máis empoderados e os castelanfalantes fan súa a lingua.