Concello de Pontevedra e DXT avanzan na relocalización do centro de exames fóra da xunqueira da Gándara
Pontevedra, 5 de decembro de 2024. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta dos avances para recuperar os espazos públicos da xunqueira da Gándara ocupados por distintas administracións
Ao longo dos últimos tempos, Concello e DXT mantiveron diversas reunións nas que foron propostas diversas parcelas nas que situar estas instalacións e poder liberar a zona ocupada na Gándara. Así, o organismo estatal amosou interese nunha parcela localizada no polígono do Campiño, aínda que nun inicio tamén foi sinalada a necesidade dun terreo maior. Deste xeito, o Concello ofrece agora a incorporación doutra parcela que linda coa parcela ofertada, sumando un total de máis de 13.000 metros cadrados —a parcela da xunqueira conta con 6.518 metros cadrados de superficie—.
“Acordamos iniciar o expediente para enviar esta nova oferta de terreos para que a DXT os estude e, finalmente, cederllos”, indicou Lores. “Todo isto está falado con eles e agora poderán comprobar a viabilidade destas parcelas unidas. Se aceptan, tramitaremos a cesión e eles procederán a desmantelar o edificio e demais elementos situados a día de hoxe na xunqueira da Gándara”.
O rexedor pontevedrés explicou que unha vez retiradas e desmanteladas estas instalacións, xunto coas outras situadas na zona, o Concello levaría a cabo unha actuación de renaturalización “semellante a que fixo a Deputación nos seus antigos terreos e cumprir coas directrices do ENIL”.