O concello de Pontevedra arranxa o firme da senda do Lérez, entre Monte Porreiro e Bora

Reparacion senda do Lérez de Monte Porreiro a Bora
Reparacion senda do Lérez de Monte Porreiro a Bora
O concello de Pontevedra arranxa o firme da senda do Lérez, entre Monte Porreiro e Bora

Pontevedra, 9 de decembro de 2024. Pontevedra está a cometer a reparación da senda do Lérez no treito entre o bombeo de Monte Porreiro e o seu remate na parroquia de Bora. Trátase dun espazo moi empregado pola veciñanza para camiñar e facer deporte que ten o pavimento de xabre bastante afectado polas escorreduras da chuvia dos últimos invernos. 

Trátase dunha actuación branda -acorde co espazo- que consiste en reparar e facer practicable o firme da senda. Nos sucesivos invernos a auga da chuvia foi deteriorando o seu xabre facendo regatos e arrastrando terra, pedras e maleza que foi atoando as saídas naturais da auga. Isto provocou que, nalgúns puntos da senda, aparecesen regueiros polos que fluía a auga e pozas que a xente tiña que sortear e que facían difícil o seu tránsito. 

Co propósito de sacar a auga do camiño, o concelleiro Xaquín Moreda ordenou a retirada de maleza e pedras, e a limpeza das canles das augas da chuvia e arranxar as que estaban deterioradas. Tamén se fixo achega de xabre e nivelouse toda a senda. 

Os traballos están en marcha e concluirán, nesta parte do sendeiro do Lérez, co arranxo do acceso pola parroquia de Bora facendo unha achega de xabre, tapando fochancas e pedras do camiño que dificultan o paso. 

Cabe lembrar que o treito da senda do Lérez entre Monte Porreiro e o bombeo aínda permanece pechado por mor das obras de reparación do noiro derribado polo temporal Kirk no mes de setembro. A reparación está moi avanzada e nos vindeiros días poderase abrir ao tránsito peonil. 

O concello de Pontevedra arranxa o firme da senda do Lérez, entre Monte Porreiro e Bora