Pontevedra busca a mellora ecolóxica e paisaxística dos estacionamentos do recinto feiral e o pazo da cultura
Pontevedra 9 de decembro de 2024. O Concello de Pontevedra ultima os detalles para sacar a contratación o proxecto de redacción do novo deseño das áreas de estacionamento do Recinto Feiral para a súa mellora ecolóxica e paisaxística.
Segundo recolle o anteproxecto que foi elaborado pola Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Pontevedra -ambos os dous socios no proxecto RedeVerde Pontevedra financiado por estes fondos europeos-, o obxectivo principal desta proposta é conseguir transformar as áreas de estacionamento da contorna do Recinto Feiral nun activo ambiental para a cidade como parte da súa infraestrutura verde futura, incorporando sistemas de drenaxe natural e áreas de biorretención, combinados con sistemas de pavimentación permeable, a ampliación de áreas verdes que aumenten a biodiversidade e a mellora dos itinerarios peonís, ademais da incorporación de prácticas sostibles na súa xestión.
O ámbito de traballo divídese en dúas zonas de intervención:
Zona A: aparcamento situado en paralelo á rúa Alexandre Bóveda en fronte do edificio do Recinto Feiral.
Zona B: explanada superior do Pazo da Cultura e o seu acceso dende Rafael Areses, así como parte do parque Rosalía de Castro.
No ámbito de Alexandre Bóveda proponse un redeseño completo do espazo ampliando a zona verde de entrada na rúa dende a avenida de Compostela plantando 71 árbores en total, mantendo os 10 existentes e transplantando, se é posible polo seu estado, os 13 que hai na chaira do estacionamento.
Créase unha franxa vexetal que conecta de lado a lado os máis de 100 metros lineais do estacionamento que servirá de gabia de infiltración das augas pluviais e plantaranse árbores de porte mediano e especies arbustivas.
Levará árbores de maior porte en dúas ou tres zonas estratéxicas para crear sombra. Leva proxectada unha senda peonil que conecta todas as prazas de estacionamento e permeabiliza a mobilidade peonil de lado a lado do aparcadoiro.
Tamén se contempla a separación da rúa Alexandre Bóveda o estacionamento con outra franxa vexetal con árbores de gran porte e de pequena altura que soamente se interromperá na intersección dos pasos de peóns. Aquí se instalarán bancos similares aos xa existentes no parque de Rosalía de Castro -na fachada cara a avenida de Compostela- como lugares de estancia e descanso.
Estas dúas franxas vexetais serán as franxas de infiltración das augas pluviais. Proponse a substitución de parte dos pavimentos para que sexan permeables e dispoñan as caídas suficientes para evitar empozamentos nas zonas peonís e de tránsito de vehículos.
No extremo máis próximo ao Pazo da Cultura, na entrada ao Recinto Feiral, créase outro espazo de vexetación e descanso que pecha a área de aparcamento. Ademais, contémplase o recuado do muro que separa a entrada ao Recinto da zona de estacionamento e que se configurará a modo de banco.
Para mellorar o percorrido peonil na zona, tamén se aposta por estender esta praza de acceso ao Recinto á rúa Alexandre Bóveda que terá un pavimento similar ao da praza conseguindo diminuír a velocidade dos vehículos e ofrecendo unha entrada máis singular ao equipamento.
O resto do estacionamento manterá o seu pavimento asfáltico creando prazas de estacionamento en batería ao longo dos 10.324,85 metros cadrados da parcela.
Na explanada no Recinto Feiral e nos seus accesos dende Rafael Areses preténdese potenciar esta conexión tanto paisaxisticamente como a través de novos percorridos peonís. Proponse a reconfiguración da zona verde máis próxima á entrada da Xefatura da Policía Local para que sirva de zona de filtración das augas pluviais e de sombra coa plantación de novas especies.
Ademais da reordenación das zonas de estacionamento, crearase unha franxa vexetal na subida á explanada que continuará na propia explanada no seu extremo máis próximo á subida, onde se plantarán árbores de porte que darán sombra á chaira do estacionamento, pero non interfiren no desenvolvemento de grandes eventos que adoita acoller o lugar.
Pintaríanse todas as prazas de estacionamento, que ten unha superficie de 16.653 metros cadrados, con pintura ecolóxica.
O Concello traballa neste momento no proceso de sacar a contratación a redacción definitiva do proxecto, que partirá cunha licitación estimada de 1.023.660 euros e un prazo de execución de 9 meses.