O Concello e a Deputación asinan o convenio que impulsa a reforma integral de Rosalía de Castro
Pontevedra, 17 de xuño de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación, Luís López, rubricaron hoxe o acordo de colaboración que permitirá o inicio inminente das obras de reurbanización da rúa Rosalía de Castro e a súa contorna. Esta actuación estratéxica transformará a mobilidade peonil e a seguridade viaria do barrio de Mollavao. A reurbanización da rúa complementarase e executarase ao mesmo tempo que a construción do novo bypass de conexión coa avenida de Marín.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou a sinatura do convenio. "Para min é unha alegría porque levamos moitos anos co tema, todo o mundo coñece os problemas con Madrid, con Costas, e coas distintas administracións", sinalou o rexedor en referencia á complexa tramitación do proxecto. Fernández Lores explicou que "por fin podemos empezar a obra" xa que estaba xa adxudicada e estaba pendente da sinatura deste convenio.
O alcalde fixo fincapé en que a reforma suporá unha "mellora substancial de calidade urbana, de seguridade viaria e de accesibilidade", ao deixar a rúa Rosalía de Castro con dirección única de saída da cidade. Isto permitirá gañar un espazo fundamental para os peóns e mellorar a calidade de vida nun barrio "que realmente tiña necesidades importantes".
A transformación de Rosalía de Castro finánciase en parte grazas á consignación económica que lle corresponde ao Concello de Pontevedra dos fondos provinciais. O orzamento para a reurbanización da rúa (o treito entre Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril) elévase a 2.446.858,84 euros. Desta cantidade, a Deputación provincial achegará máis de 583.000 euros, o que supón practicamente un 24% da obra, mentres que o Concello destinará preto de 1,86 millóns de euros.
A actuación na rúa Rosalía de Castro (con beirarrúas máis amplas e zonas de coexistencia peonil fronte á praza de Mollavao e o colexio) está ligada a unha segunda gran obra: a construción do bypass de Mollavao. Trátase dunha nova ligazón transversal de 100 metros de lonxitude que unirá a avenida de Marín con Rosalía de Castro mediante dúas novas glorietas.
Esta segunda infraestrutura, valorada en 1.279.762,39 euros, está financiada ao 100% pola Deputación provincial a través doutro convenio asinado previamente. A execución unificada de ambos proxectos permitirá desviar previamente o tráfico de entrada á cidade cara á avenida de Marín a través do by-pass, deixando así o espazo libre para poder peonalizar e reducir a un só carril a rúa Rosalía de Castro. Os traballos comezarán precisamente pola execución deste novo acceso.