Aprobadas as novas bases de "Cabos Soltos" para afianzar a música ao vivo e garantir o descanso veciñal
Pontevedra, 17 de xuño 2026. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentou as novas bases reguladoras do programa "Cabos Soltos", unha iniciativa pioneira na Galiza que permite á hostalería privada programar actuacións ao vivo e que resulta imprescindible para dar oportunidades aos artistas locais e emerxentes.
A nova formulación desta normativa ten como obxectivo principal dotar de maior seguridade xurídica tanto ás entidades usuarias como aos artistas, organizar mellor a programación e darlle maior difusión, todo iso garantindo o descanso da veciñanza.
A partir do vindeiro luns, abrirase o prazo para que os locais de hostalería poidan inscribirse a través da páxina web do programa. Para formalizar o seu rexistro, os establecementos deberán achegar unha serie de documentación técnica recollida no local, que inclúe o título habilitante ou licenza, seguro de responsabilidade civil, informe de insonorización, e a revisión da instalación eléctrica (OCA).
Ademais da documentación técnica, os locais participantes deberán asumir un decálogo de compromisos, entre os que destacan: non superar os 75 decibelios de volume nas actividades ordinarias, permitir inspeccións técnicas por parte do concello, e empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista en todas as súas comunicacións.
Unha aposta polos artistas locais e os eventos de pequena entidade
A nova normativa outorga prioridade absoluta aos eventos protagonizados por creadores locais e de "escasa entidade". Estes concertos estarán limitados a locais cunha capacidade inferior a 75 persoas e non poderán contar con grandes infraestruturas (escenarios, carpas ou camerinos). A súa duración máxima será de dúas horas, cunha marxe adicional de media hora para probas de son. Para favorecer a convivencia veciñal, de domingo a xoves as actuacións deberán finalizar, como moi tarde, ás 23:30 horas; mentres que os venres e sábados o límite alargarase ata as 00:00 horas.
O programa tamén contempla actuacións en espazos exteriores, nas que as rúas permiten evitar un límite estrito de aforo, pero onde o volume máximo permitido estará limitado a 85 decibelios. Así mesmo, regularanse os chamados eventos extraordinarios: actividades de maior tamaño restrinxidas a un máximo de seis ao ano por local. Estes últimos requirirán de medidas de seguridade moi estritas, seguros específicos para o evento e a presentación dunha declaración responsable cun mínimo de 15 días de antelación.
Gómez avanzou que, unha vez finalizada a Feira Franca, e tendo en conta os tempos de agarda que as empresas técnicas teñen para emitir as certificacións dos locais, abrirase un prazo para definir a axenda de concertos. A intención do Concello é planificar bloques de programación (por exemplo, de mes e medio de duración) para evitar solapamentos de eventos, garantir que non coincidan con outras actividades municipais e facilitar campañas de publicidade máis eficaces.
O programa "Cabos Soltos" xa conta con arredor dunha decena de locais adheridos, unha cifra moi destacada e positiva para unha cidade como Pontevedra. Ademais, para seguir fortalecendo este ecosistema cultural, o Concello manterá operativo o rexistro de artistas na súa páxina web, unha ferramenta pensada para poñer en contacto directo á hostalería cos creadores locais.