VACANTE DESDE 2017
O Consello de Contas sinala ao Concello de Valga polo abuso da provisionalidade nun posto clave para o control das contas municipais
Valga, 17 de xuño de 2026. O Consello de Contas publicou, o 11 de xuño de 2026, un informe de fiscalización relativo á provisión de postos de control interno nos concellos galegos. O documento sitúa, unha vez máis, o foco de atención sobre o Concello de Valga, ao que sinala directamente como un dos exemplos máis evidentes de prolongación indefinida dunha anomalía estrutural que afecta ao posto de intervención.
O informe encárgase de analizar de forma pormenorizada a estabilidade dos postos reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, cuxa función consiste en velar pola legalidade, a fiscalización e a contabilidade orzamentaria municipal. No caso de Valga, o Consello de Contas detectou unha situación de arraigo no tempo que contravén a lexislación que rexe as figuras excepcionais de provisión deste posto.
Esta estipula que a modalidade normal e preferente para dotar de persoal as prazas de alta responsabilidade é o concurso de méritos. Porén, o informe do Consello de Contas constata que o posto de intervención do Concello de Valga carece dun titular definitivo desde o ano 2017 e vén sendo cuberto de xeito sistemático e prolongado mediante a fórmula extraordinaria de acumulación de funcións.
O informe pon cifras á permanencia desta práctica en Valga e recolle de forma textual o seguinte parágrafo respecto da persistencia temporal desta práctica: "O nomeamento en acumulación sen titular dos postos de intervención do concello de Valga remóntase ao ano 2017 (...), manténdose nesta situación en 2025".
Deste xeito, a praza encadea xa case unha década sen acadar unha dotación de persoal estable ou definitiva de carreira, unha circunstancia que, tal e como advirte o organismo dependente da Xunta de Galiza, debilita o deseño orixinal do sistema de control interno local ao ligar de xeito tan duradeiro o exercicio de tales funcións a un funcionario que simultanea o seu labor noutro municipio, neste caso o Concello de Sanxenxo.
Aínda que o informe do Consello de Contas só analiza o posto de interventor, todo o descrito para este posto é aplicable ao do secretario, pois o Concello de Valga tampouco ten un titular definitivo desde o ano 2017, sendo tamén cuberto pola fórmula extraordinaria de acumulación de funcións, xa que ten a súa praza no Concello de Ribeira. Esta temporalidade fai que o Concello de Valga, a parte do seu salario, lles pague dietas de “manuntención, locomoción e peaxe”, que só no ano 2025 percibiron en dietas máis de 6.000 euros.
Con este informe, o Consello de Contas vén dando a razón ao BNG de Valga, que leva anos denunciando a cobertura temporal dos postos de intervención e secretaría, feito que non é unha casualidade, senón un reflexo dun modelo que prefire a provisionalidade e a permisividade, antes que a estabilidade e o rigor. Os postos de interventor e secretario son os encargados de fiscalizar as contas, os contratos, a legalidade nos procedementos e o diñeiro de toda a veciñanza. Manter estas prazas sen un funcionario titular de carreira de xeito interrompido durante case unha década debilita os mecanismos de control interno. "Valga merece un control financeiro forte, independente e con dedicación completa", afirmou o portavoz municipal do BNG, Fran Devesa.
A pesar de que varias licitacións públicas foran declaradas irregulares, denuncias respecto da falta de transparencia na cobertura de postos de traballo, ilegalidade na composición das mesas de contratación ou contas públicas que contabilizan ingresos que non existen; mentres todo isto ocorre, interventor e o secretario nunca puxeron reparo algún ou informaron desfavorablemente algún procedemento administrativo. Case dez anos de permisividade que só cambia cando o grupo municipal do BNG de Valga denuncia publicamente prácticas irregulares ou xestións administrativas contrarias á lexislación vixente.
Para Fran Devesa, “non podemos seguir instalados na excepcionalidade permanente. Desde o BNG esiximos que se inicien de inmediato os trámites necesarios e se inste ás administracións competentes para cubrir as prazas de intervención e secretaría a través dos mecanismos legais ordinarios e definitivos, garantindo a integridade na xestión que Valga precisa”.