Caldas volve celebrar o San Xoán coa súa tradicional fogueira no medio do Río Bermaña
Caldas, 16 de xuño de 2026. O Concello de Caldas quere de novo tradición e festa rachada polo San Xoán e a noite do 23 vai repartir de balde 1.000 racións de sardiñas e pan, poñer música e malabares e queimar a tradicional fogueira no medio do río Bermaña, onde de novo será protagonista unha figura ‘sorpresa’. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, subliña que a sardiñada e a música vaise trasladar á Praza Sesto Casal por mor das obras no Campo da Torre. Ademais, como actividades complementarias haberá recollida de herbas e unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán.
De maneira previa á festa, na tarde do propio martes 23 -a partir das seis da tarde- haberá unha recollida das herbas de San Xoán dirixido por Pepe Bragaña, que acompañará pola senda fluvial ás persoas interesadas en recoller as tradicionais sete prantas básicas que forman o ‘cacho’ co que lavar a cara e facer o ritual protector á mañá seguinte da noite máis curta do ano.
Ás 20.30 comezarán os pasarrúas de grupos tradicionais e unha hora despois dará comezo a sardiñada na nova localización da Praza Sesto Casal, na que o Concello repartirá unhas 1.000 racións de sardiñas e pan de balde. Antes do prendido da fogueira oficial comezará o espectáculo de lume ‘Fire performance’ con malabares e, xa a media noite, terá lugar o momento crucial para celebrar a chegada do verán: o acendido da gran cacharela no medio do río Bermaña.
O tenente de alcalde fai unha chamada á veciñanza a gozar da noite ‘máxica’, subliñando a singularidade da celebración do San Xoán en Caldas, posto que a gran fogueira instálase no propio leito do río, a carón da ponte romana. Lembra que nos últimos anos a fogueira é unha auténtica instalación artística temática, recreándose o ano pasado, por exemplo, a Fábrica da Luz de Segade, incorporando tamén unha mensaxe reivindicativa en defensa do CEIP San Clemente. “Podemos dicir sen equivocarnos que é o mellor San Xoán e o máis orixinal de toda a provincia”, subliñou.
Xa na mañá do día 24, o Concello realizará unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán na Laxe dos Bolos. Fariña lembra que no santuario prodúcese unha aliñación astronómica cando o sol nace polo monte Xesteiras e se reflexa directamente no petróglifo. Para poder ver este fenómeno acompañado das explicacións da arqueóloga Elena Cabrejas é necesario madrugar moito pola mañá do día de San Xoán e inscribirse previamente no departamento Municipal de Cultura do Concello, onde se darán as indicacións concretas.
O nacionalista Manuel Fariña destaca que a noite de San Xoán Caldas terá tamén moitas outras cacharelas particulares nas parroquias. Animou a todas e todos os caldenses a gozar da festa e, sobre todo, fixo unha chamada á responsabilidade e a só prender as fogueiras autorizadas nas condicións de seguridade establecidas.
Autorizadas 62 cacharelas
Concello de Caldas de Reis vén de autorizar un total de 62 fogueiras particulares para as celebracións das noites de San Xoán e San Pedro, unha cifra que confirma o ‘tirón’ entre a veciñanza destas datas, principalmente da primeira.
O tenente de alcalde e responsable da área de Festas, Manuel Fariña, amosa a súa satisfacción pola elevada participación veciñal e destaca a boa resposta da cidadanía. As 62 cacharelas autorizadas distribúense por diferentes parroquias e lugares do municipio e poderán celebrarse nas condicións establecidas polo Concello, respectando os horarios, as distancias de seguridade e o resto das medidas recollidas na normativa municipal.