A Escola Deportiva de Verán de Caldas, unha proposta para un verán “ divertido e cheo de experiencias diferentes”

Escola deportiva de verán Caldas
Escola deportiva de verán Caldas
A Escola Deportiva de Verán de Caldas, unha proposta para un verán “ divertido e cheo de experiencias diferentes”

Caldas, 17 de xuño de 2026. A primeira Escola Deportiva de Verán municipal de Caldas de Reis é unha iniciativa que ofrece unha programación especialmente deseñada para que a rapazada caldense de entre 10 e 15 anos goce dun mes de vacacións activo, divertido e cheo de experiencias diferentes.

“A intención é que a Escola Deportiva sexa unha proposta atractiva, dinámica e variada, na que as nenas e nenos poidan descubrir deportes novos, facer amizades, coñecer mellor a súa contorna e desfrutar do verán dun xeito saudable e activo”, explica o tenente alcalde, Manuel Fariña. De feito, un dos aspectos máis destacados é precisamente a enorme variedade de actividades previstas, pensadas para manter o interese e a motivación dos participantes ao longo de todo o mes. 

Durante a Escola Deportiva practicarán disciplinas como baloncesto, voleibol, tenis, tenis de mesa, pádel, balonmán, bádminton, fútbol sala, xogos tradicionais e deportes alternativos, entre moitas outras propostas. Ademais, o programa inclúe actividades acuáticas con sesións na piscina municipal, unha das iniciativas máis atractivas e demandadas durante o verán.

Amais, as nenas e nenos realizarán diferentes saídas e excursións para coñecer mellor o patrimonio natural e paisaxístico do municipio, con visitas previstas a espazos como o Xardín Botánico ou a fervenza de Segade. A programación desenvolverase entre o 2 e o 31 de xullo, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e está dirixida á rapazada nada entre os anos 2010 e 2015.

Fariña subliña que a combinación de deporte, lecer, convivencia e contacto coa natureza converte esta Escola Deportiva nunha opción especialmente completa. “Non se trata só de ocupar o tempo libre. Queremos ofrecerlle á cativada experiencias enriquecedoras, que descubran novas afeccións, que practiquen hábitos de vida saudables e que gocen do verán nunha contorna segura e supervisada”, destaca.

O Concello lembra que se trata dunha actividade subvencionada pola administración local para facilitar o acceso ao maior número posible de familias. Cada praza conta cunha bonificación municipal de arredor de 30 euros por participante. 

A Escola Deportiva de Verán de Caldas, unha proposta para un verán “ divertido e cheo de experiencias diferentes”