TRÁTASE DUNHA OBRA FUNDAMENTAL PARA A MELLORA DO ASPECTO E DA MOBILIDADE NA ZONA
O Concello actualiza os prezos dos proxectos das obras de Rosalía de Castro e Mollavao e aproxima a súa licitación
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, deu conta da actualización de prezos en relación cos proxectos de reforma das rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar, e da creación do novo bypass de Mollavao.
Así, o primeiro dos proxectos, que vén dependendo da execución do segundo, vería aumentado o seu custo nun 9,67 %, pasando dos 2.231.108,11 euros iniciais a 2.446.858,84 euros. Pola súa banda, o bypass pasa dun orzamento de 938.824,63 euros a un novo de 1.279.762,39 euros, un 36,32 % de diferenza. Tal e como explicou Mosquera na súa intervención, esta suba vén propiciada “para evitar que queden desertos” os procesos de licitación.
As revisións de prezos foron encargadas aos mesmos proxectistas orixinais, xunto con algúns retoques a maiores de ambas as dúas obras. “A variación de prezos, ou a porcentaxe de variación, é distinta entre ambos os dous casos porque nun (o de Rosalía de Castro) só houbo que actualizar os prezos como tal, mentres que no do bypass se realizará unha mellora nas calidades que quere utilizar o Concello”, explicou.
“O Concello sempre procura aquilatar o máximo posíbel os proxectos para que despois non haxa modificados nin sorpresas e poidan ser executados sen maior problema”, sinalou Mosquera. A día de hoxe, o único tramite que sería preciso para poñer en marcha o proceso de licitación destes proxectos (a intención segue a ser facer unha licitación conxunta) é o permiso de Adif.
Tal e como indicou o concelleiro, agarda que nas próximas semanas este permiso se materialice e poidan os servizos técnicos poñer en marcha toda a documentacióne facer estas obras unha realidade, mudando totalmente o aspecto e mobilidade na zona.