Arranca a Feira Franca en Pontevedra
É Feira Franca ! Xa está todo listo para que Pontevedra acolla a súa XIII Feira Franca, unha cita ineludíbel para a cidade e a súa veciñanza, cuxa colaboración foi e é imprescindíbel para acadar as cotas de éxito da que goza esta festa de interese turístico galego.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, e da representante da asociación Paspallás, Laura Otero, quixo ofrecer unhas palabras de cara a recta final de preparativos para que comece esta cita. “Hai Feira Franca!”, exclamou o rexedor ao comezo das súas declaracións. “É unha data que toda a veciñanza de Pontevedra agarda, así como tamén moitísima xente da contorna que se achega a gozar dela”.
“Sabemos que vai ser unha edición na que participe un gran número de persoas porque así tivemos constancia ao longo destes días”, explicou. “Seica se están alugando máis traxes que nunca”. Fernández Lores tamén explicou que o número de solicitudes para mesas e postos é semellante ao de anos pasados.
Nese sentido, recibíronse un total de 177 solicitudes para montar mesas particulares -autorizáronse todas-, 128 para mercado -seleccionáronse 77, as máximas posíbeis- e 113 de hostalaría -autorizáronse todas-, o que amosa un evento absolutamente consolidado, e que encherá o centro histórico da cidade e os seus arredores.
“Estamos contentos porque se está a dar un traballo impresionante de todas as persoas que colaboran e traballan para que a Feira Franca sexa posíbel”, comentou Lores. “Esta non é unha festa que se lle encarga a unha empresa, é unha festa que facemos entre todos e todas e que sen a implicación da veciñanza non tería ningún sentido nin tería o éxito que ten. É unha forma de ampliar o verán cultural e festivo da cidade de Pontevedra”.
Sobre as posibilidades de chuvia, o alcalde tirou de retranca e lembrou que “desde a compra de Santa Clara temos certa influenza sobre o tempo”, por iso agarda non ter que suspender ningunha das actividades programadas, mais en todo caso esperarase até o último minuto para ver se é posíbel ou non a súa realización. O rexedor lembrou que ningunha Feira Franca foi cancelada pola chuvia, e no caso de que caian algunhas pingas “haberá que coller o paraugas medieval”. “Agardamos que aínda que chova algo non lle impida á xente gozar e poidamos ter unha gran festa”.
A gripe aviar obriga a supender a cetrería
A alerta por gripe aviar decretada pola Xunta obrigou a suspender a tradicional exhibición de cetrería que tiña lugar na avenida de Montero Rios. “Fóra diso, está todo listo para que a Feira Franca sexa un éxito multitudinario e que a poidamos gozar todos e todas”, indicou o edil de Festas, Demetrio Gómez.