Adrián Silva e Andrea Pérez substituirán aos edís Roberto Rivas e Amelia Cancela
Barro, 3 de setembro de 2024. O pleno ordinario do mes de setembro acollerá a despedida dos edís Roberto Rivas, actual portavoz do BNG e concelleiro de Cultura e Patrimonio, e Amelia Cancela, concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, que deixan a corporación por motivos persoais. No seu lugar tomarán posesión os dous seguintes membros da candidatura, Adrián Silva e Andrea Pérez.
“Botarémolos en falta”, afirmou o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, quen puxo en valor o inmenso traballo realizado por Roberto Rivas e Amelia Cancela, ao longo dos anos para facer de Barro o concello vivo e dinámico que é hoxe.
“Roberto e Amelia deixan moitas pegadas que xa son imborrábeis en Barro, e estou certo que, como veciño e veciña e compañeiros do BNG seguirán a aportar todo o seu saber, todo o seu traballo e toda a ilusión para que o noso concello continúe co impulso que xuntos comezamos. Se Barro é hoxe un concello referente en canto a dinamización cultural e social, un concello aberto, vivo, activo e atractivo para viver é, en boa medida grazas ás súas aportacións e ao seu traballo”.
Abraldes: “Só podo agradecer inmensamente o traballo de Roberto e Amelia, sen o cal non se entendería o gran avance que deu o concello de Barro”
“Sei tamén que, aínda que os botaremos de menos, as persoas que os van substituir son persoas moi capaces e que van facer un espléndido traballo. Adrián, xa demostrou a súa valía no anterior goberno municipal e Andrea conta cunha gran intelixencia, ilusión e capacidade de traballo, que fará dela unha magnífica concelleira. Estou certo que aportarán moito na dinamización do noso concello e na mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, afirmou o alcalde.
Roberto Rivas deixará a corporación despois de 21 anos ininterrumpidos, primeiro na oposición e despois no goberno, e Amelia Cancela, despois de estar no goberno municipal desde que o BNG accedeu á alcaldía en 2015.
“No BNG estarémoslle sempre tremendamente agradecidos a Roberto e Amelia pola súa entrega, o seu traballo e o seu compromiso para facer un Barro cada día mellor”, afirmou o responsábel local Santi Pazos. “O novo grupo municipal do BNG seguirá a traballar para sentar as bases do Barro do futuro, un concello transparente, participativo, dinámico e con máis e mellores servizos”