Chega PonteSan, a cita que pon en valor ás asociacións socio-sanitarias, visibiliza as discapacidades/diversidades e defende a sanidade pública
Pontevedra, 26 de setembro de 2025. O alcalde Miguel Fernández Lores inaugurou a sexta edición da Feira de Saúde e Benestar-PonteSan, dando paso a dúas xornadas nas que a parte expositiva conxugarase cun extenso programa de actividades lúdico-formativas e deportivas, relatorios, debates e presentacións. Estivo acompañado polo director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, Anxo Carracedo, quen, rematado o acto, abriu o programa de relatorios de PonteSan co tema “Xenética dos trastornos psiquiátricos”.
Máis de corenta asociacións socio-sanitarias, colexios profesionais e clubs deportivos farán posible unha cita consolidada como o maior evento socio-sanitario de Galicia, e que lidera o Concello de Pontevedra, coa Concellería de Benestar Social ao fronte e da man de CEDDD-Galicia.
Pontesan porá o foco, nesta sexta edición, na Información e desinformación, unha temática que centrará a súa mesa de debate, na que catro xornalistas tratarán de dar resposta a cuestións como: Os riscos das trolas (bulos) para a saúde das persoas? Como valorar as noticias sobre saúde, ciencia ou investigación que aparecen nos medios e as redes sociais?, etc. e que estará presente en diferentes relatorios.
Para esta ocasión suma á nómina de relatores tres influencers: @tonifero, @nuskachousa e @medicilio, que estarán na cidade do Lérez como oradores e elaborando contidos en directo para os seus miles e miles de seguidores. (@tonífero roza os 2 millóns sumando todas as súas redes; @nuskachousa, os 180.000 e @medicilio, supera os 350.000).
PonteSan é unha feira que permite coñecer ao público xeral un amplo elenco de asociacións socio- sanitarias, o seu traballo e prestacións; ademais de visibilizar as distintas discapacidades/ diversidades e promover hábitos de vida saudables. Mais tamén é un punto de encontro e intercambio da rede socio-sanitaria pontevedresa e galega e un alto-falante a prol da sanidade pública e da ciencia e investigación.