Pontevedra gozará un ano máis das lecturas públicas do obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’

Pontevedra gozará un ano máis das lecturas públicas do obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’

Do 29 de setembro ao 4 de outubro, o arquipélago de San Simón volve ser sede da poesía coa XIV edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador”, coordinado por Yolanda Castaño. 

Participarán nesta XIV edición seis voces de procedencias e percorridos moi diversos dende o Sueste Asiático aos países celtas pasando por Europa do Leste, dende o idioma dun país en guerra ata o que loita por non desaparecer. Todos este ano escoltados pola viguesa Oriana Méndez: poeta, tradutora e docente que exerce como anfitrioa lingüística e literaria desta edición, encargada de preparar as versións ao galego e de acompañar o diálogo entre linguas que vertebra o obradoiro. 

Nados entre as décadas dos 50 e os 80, participarán tamén Louis de Paor (Cork), un dos nomes centrais da poesía en irlandés, moi activo na difusión da súa lingua e con ampla traxectoria académica e internacional; a poeta, narradora e tradutora ucraína Halyna Kruk, cunha obra moi recoñecida fóra do seu país e con presenza habitual en festivais e premios internacionais; a poeta india en lingua canaresa Reshma Ramesh, dinamizadora de accións poéticas no espazo público e artista visual, con textos vertidos a numerosas linguas; Veronika Dintinjana (Eslovenia), poeta e tradutora con experiencia en proxectos que conectan poesía, lectura e comunidade e Antonio Andreu Sanz (Huesca), poeta en lingua aragonesa, galardoado en certames de referencia e comprometido co impulso e visibilidade do aragonés. 

O mércores 1 ás 19.30 h terá lugar o primeiro recital aberto ao público na libraría Metáfora, e o venres 3 ás 12.00 o Teatro Principal o segundo recital

É a primeira vez que o irlandés e o aragonés se incorporan a esta carta de navegación que cada ano amplía a súa cartografía afectiva. Integraranse nun obradoiro intensivo, colectivo e recíproco: cada poeta verte o traballo das/dos compañeiras/os ás respectivas linguas, facendo do diálogo entre idiomas un tecido común. A illa convértese así nun laboratorio poético de convivencia, versos e experiencia compartida. 

Ao longo da semana Pontevedra acollerá un pequeno circuíto de recitais abertos e gratuítos que combinan poemas nas linguas de orixe con versions galegas preparadas para a ocasión. 

A primeira lectura aberta ao público terá lugar o mércores 1 de outubro ás 19:30h na Libraría Metáfora. O venres 3 ás 12.00h o Principal acollerá un recital matinal concertado con alumnado de secundaria de diferentes centros de ensino da cidade ao que tamén pode asistir público xeral. 

Pontevedra gozará un ano máis das lecturas públicas do obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’