O BNG comeza unha campaña de recollidas de sinaturas para apoiar a decisión de non permitir a participación do estado xenocida de Israel en eventos culturais e deportivos
Pontevedra, 26 de setembro de 2025. O BNG en Pontevedra deu a coñecer en rolda de prensa que a vindeira semana vai comezar unha campaña de recollida de sinaturas en apoio á decisión do Concello de Pontevedra de non acoller ningún evento deportivo, cultural ou de outra índole na que participen entidades que representen ao Estado de Israel ou sexan financiadas por el, así como aquelas que contribúan a promocionar ou branquear o xenocidio que está a cometer sobre o pobo palestino. A recollida de sinaturas desta campaña, que busca o apoio da cidadanía pontevedra, farase “chegar aos organismos internacionais para que, entre todas e todos, poidamos frear este xenocidio”, en palabras das responsábel local do BNG, Sabela Bará.
Bará, lembrou que, aínda que a día de hoxe, se fala “de 65.000 persoas asasinadas polo Estado criminal de Israel, entre elas 17.000 nenas e nenos, esas cifras ficaron conxeladas hai tempo, non porque Israel non estea a asasinar, senón porque destruíron os hospitais, que era onde se facía este reconto”. Os cálculos da relatora da ONU, Francesca Albanese, cifran as persoas assinadas en máis de 680.000, porque este é o verdadeiro número que algúns académicos e científicos, algún deses isreaelitas, afirman que é a verdadeira cifra de asasinados. “Debaixo dos edificios de vivendas, dos hospitais, das tendas… debaixo dos cascallos é imposíbel contar”.
A solidariedade coa Palestina comeza a amosar gromos en campos moi variados como a música ou o deporte. A dignidade amosouse nestes días nos espazos deportivos, reclamando que se apliquen as mesmas medidas tomadas contra Rusia ou Bielorrusia: a exclusión da bandeira de Israel de todas as competicións internacionais. E “en coherencia con esta postura hai que enmarcar o acordo adoptado polo pleno do concello de Pontevedra”.
Perante este xenocidio, desde o BNG “non podemos nin queremos ficar caladas, e por iso pedimos que se remate dunha vez, que quen teña capacidade para facelo que o faga. As atrocidades e barbaridades que está a cometer o Estado criminal de Israel repúnannos a todas e todos. Ou, cando menos, a case todas e todos”, afirmou Sabela Bará
Sabela Bará lamenta que o PP e Rafa Domínguez sexan incapaces de condear o xenocidio en Palestina e, pola contra, amenacen a aqueles que o sinalan
A responsábel local do BNG lamentou que neste contexto, o PP e Rafa Domínguez optasen pola postura contraria: “ameazar a quen sinala o xenocidio en vez de facerlle fronte aos asasinos. O PP e Rafa Domínguez son incapaces de condear o xenocido en Palestina.
Sabela Bará mostrouse confiada no éxito da campaña que o BNG vai poñer en marcha a partir da próxima semana. As primeiras mesas poranse o luns 29 ás 11.30 h. no campus universitario e o martes 30, tamén ás 11.30 h., en Belas Artes, para continuar o mércores 1 ás 17 h. na Peregrina e o xoves 2, tamén ás 17 h. na Praza do Hospital
“A cidadanía pontevedresa e galega é solidaria e apoia ao pobo palestino. Así o demostrou nas sucesivas mostras de apoio e, de seguro, continuarán a facelo, porque somos un pobo xusto, que quere vivir en paz e que procura un mundo mellor. E nese camiño temos que atoparnos: Palestina vencerá !”, concluíu a responsábel do BNG, non sen antes animar a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada por Galiza con Palestina que terá lugar o vindeiro domingo 5 de outubro, ás 12 h. desde a alameda de Compostela.