O centro social de Monte Porreiro conta cun novo lucernario, que mellorará a calidade lumínica e evitará as filtracións de auga
O Local social de Monte Porreiro xa ten novo lucernario. Dentro da liña de colaboración coa asociación de veciños O Mirador, o concelleiro delegado do barrio Alberto Oubiña atendeu unha das máis importantes necesidades da veciñanza: ter en boas condicións de uso o seu centro social, que día a día crece en propostas de actividades e afluencia de público grazas ao dinamismo que imprimiu a directiva veciñal nos últimos meses.
Unha das intervencións máis urxentes era a substitución do lucernario do local que se atopa nun corredor e que ofrece iluminación natural ao espazo. Debido ao paso do tempo, a claraboia xa non cumpría a súa función. Filtraba auga que en días de moita chuvia chegaba a anegar o local e xa non ofrecía a calidade de luz que tiña nas súas orixes.
Substituíuse por un novo lucernario con novo material máis resistente e impermeábel que foi instalado e selado hai uns días. O concelleiro Alberto Oubiña explicou que se está á espera de que estea ben testado (agardar a que volva a chover con certa insistencia) para saber se ten un funcionamento óptimo. Cando se comprobe, pintarase todo o espazo para eliminar os restos de humidade e os regos da auga de cando filtraba.
Esta reparación sumouse a outras xa realizadas como asentar lousas na entrada que estaban movidas, cambio de luces ou a eliminación dunha barreira arquitectónica no exterior que impedía o acceso de vehículos con facilidade. Aínda que o local social de Monte Porreiro cumpriu 20 anos o pasado 16 de xuño, é unha das casas da cultura municipal mellor conservadas, pero precisa dalgunha intervención para poder sacarlle o maior partido.
A permanente comunicación entre o concelleiro delegado, Alberto Oubiña, e a directiva da asociación O Mirador permite ir atendendo ao barrio en tempo e forma e ir coordinando as actuacións en función das urxencias e necesidades presentadas pola veciñanza en beneficio de todo Monte Porreiro.