Pontevedra acomete un by-pass de 300 metros para garantir o subministro de auga a Marín e Bueu
Pontevedra, 25 de xuño de 2024. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, acompañado do director xeral de Infraestruturas, Jesús Gómez, visitou os traballos de instalación dun by-pass da tubaxe de abastecemento que o Concello de Pontevedra está a realizar na avenida das Corvaceiras. Trátase dunha obra de enxeñería que permitirá subministrar aos concellos de Marín e Bueu, e ao Porto de Marín, sen ter que empregar a galería de servizo que está pegada ao muro de contención da ría, cun investimento de máis de 307.000 €.
Xaquín Moreda explicou que “a tubaxe do interior da galería e servizos descolgouse, está danada e o arranxo é case inviable” xa que os soportes que a suxeitan atópanse totalmente corroídos. A galería de servizo está por debaixo da capa freática e feita con bloques prefabricados nos que entra a auga do mar e dana as ancoraxes.
Ante esa situación, o concelleiro decidíu aprobar unha actuación de emerxencia sacando a tubaxe da galería de servizo e facendo un by-pass duns 300 metros entre a ponte da Barca e o Gremio de Mareantes, que permita repoñer o servizo. Neste treito, o abastecemento xa non volverá á galería de servizo.
Trátase dunha tubaxe de 500 milímetros “que hai que instalar antes do verán cando incrementa a poboación en Marín e Bueu e precisan máis subministro”, indicou Xaquín Moreda. Neste momento, ambos concellos están sendo abastecidos polo depósito de auga de Castro Senín, e en canto se remate esta intervención volverase a subministrar por beiramar.
“Nós seguimos subministrando agua, colaboramos, intentamos ir o máis rápido posible e solucionar este problema para que os nosos concellos veciños non queden sen subministro e a poboación non quede sen agua da traída”, lembraba Xaquín Moreda.