Carme da Silva deixa o Concello para adicarse ao 100% a que Pontevedra e Galiza teña capacidade de influencia no Estado
Pontevedra, 28 de novembro de 2023. A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva anunciou esta mañá que deixa a súa acta de concelleira no Concello de Pontevedra para adicarse a tempo completo a súa ocupación como senadora nas Cortes do Estado. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañouna neste anuncio e asegurou estar contento coa decisión dado que “Pontevedra terá unha concelleira máis en Madrid”, en relación aos logros das xestións que Carme da Silva está a realizar en beneficio de Pontevedra, polo de agora, o desbloqueo do acceso de Mollavao e o acordo coa DXT para abandonar os terreos da Xunqueira da Gándara.
Carme da Silva explicou na súa comparecencia que “a experiencia destes meses, antes de que empezase a investidura, demostrou que máis alá da presencia, da actividade ordinaria do Senado, é moi importante estar alí para xestionar e mover as cousas”. Co inicio da lexislatura “onde o acordo e a negociación vai a ser moi importante, adicar o 100% do tempo a que Pontevedra e Galiza teñan a capacidade de influencia e de presión necesaria para que os temas que nos afectan se movan, é fundamental”, argumentaba a concelleira.
Carme da Silva recoñeceu que “eu sempre serei concelleira de Pontevedra. Iso é algo que, dende o ano 95, que tomei posesión por primeira vez na oposición, é un honor poder ser representante de Galiza nas Cortes e concelleira de Pontevedra nas Cortes do Estado”, pero garantiu que o seu traballo por Pontevedra continúa adiante “pois hai moitas cuestións que seguiremos impulsando, e que xa estamos impulsando neste momento”.
Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores anunciaba que “hoxe vimos dar unha gran noticia para Pontevedra e para Galizia. Carmen vai dedicarse en tempo e forma a estar nas Cortes do Estado”. “Eu, que coñezo desde hai moito tempo a súa capacidade de traballo, a súa capacidade política e de xestión, é unha alegría que poidamos ter en Madrid unha persoa que ten demostrado esa capacidade, que participou nas negociacións que se fixeron en Madrid para o goberno actual, e que neste pouco tempo xa ten feito cousas importantes para Pontevedra” explicaba Lores en relación aos acordos con Costas sobre o vial de Mollavao e a DXT sobre a Xunqueira da Gándara.
“Eu estou encantado porque Pontevedra gaña un concelleiro. Obviamente, ela vai ser substituída na Corporación, pero imos ter nove concelleiros na Corporación, e unha máis que está en Madrid e que vai estar en contacto permanente con Pontevedra” anunciou Fernández Lores, quen recordou que a figura de Carme da Silva nas Cortes é “imprescindible para a nosa cidade, e para Galiza tamén”.